Reto 1: Comprometémonos

Por terceira vez, a Real Academia Galega reta a comunidade educativa de Ames a empregar o galego durante 1 mes seguido. Desta vez tamén o alumnado de 1º e 2º da ESO dos IES de Ames. Así que benvidos ao reto!
Para comezar o presidente da Real Academia Galega envíovos un saúdo neste pequeno vídeo.

E o alcalde de Ames ademais do saúdo proponvos que mañá presumades de lingua propia.

Para esta semana que comezamos hoxe tedes un reto que require da vosa enerxía e creatividade. Formade un grupo cos compañeiros e compañeiras para convencer as persoas da vosa contorna (persoal do voso centro, familia, amigos/as, veciños/as, etc) para que asinen un compromiso no que se comprometen a activar o galego.

Cando lle pidades a alguén que asine, explicádelle, de maneira sinxela e clara, por que é positivo e necesario activar o MODO GALEGO.

Sede creativos e creativas e non vos deades por vencidos facilmente. Levade a conta das sinaturas e compartide os avances coa vosa clase.

Regras do reto:

  • So se contarán sinaturas reais (nada de repetir nomes!)
  • Tratade a todas as persoas con respecto, incluso se deciden non asinar.
  • O máximo de sinaturas que podedes conseguir de fóra do centro son 10.

Recollendo sinaturas conseguimos cousas tan interesantes como que a programación xabarín comece a ser unha realidade. Mirade o que fixo alumnado do CEIP A Guía de Moaña para conseguir a canle Xabarín Club 24 horas na TVG. Con este e outros apoios a iniciativa Xabarín chegou ao Parlamento despois de superar as 33.000 sinaturas e actualmente temos unha maior oferta de contidos para o público infantil e xuvenil.

E vós coñecedes o Xabarín Club? E a plataforma AGalega? Aquí podedes atopar cine, series, animación, directos e moitas cousas máis.

Tamén grazas ao activismo social a prol do galego, desde o 28 de novembro deste ano que acaba de rematar xa se pode configurar no noso idioma Bluesky, unha plataforma de mensaxes curtas que ultimamente se está a converter na alternativa a X (coñecida anteriormente como Twitter). Podes lelo nesta noticia.

Ao final, o importante, ademais das sinaturas que consigades, é que a xente reflexione un chisco sobre o uso da lingua.

Retos recentes