Os nenos e as nenas que xa participastes nas edicións anteriores do Modo Galego xa coñecedes ao coordinador dos proxectos de toponimia galega que se desenvolven entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. Escoitade que vos di Vicente: “A toponimia galega fainos aos galegos únicos en toda Europa pola súa variedade, cantidade e antigüidade”, ou sexa, que a nosa toponimia e moi rica, moi abundante e temos moitos nomes de lugares. Moitos e moitas de vós xa sabedes unha chea de topónimos de Galicia e o seu significado, lembrades algún?
Como ben sabedes en Galicia conviven dúas linguas e isto é unha riqueza inmensa da que ás veces non somos moi conscientes. Está demostrado que todas as persoas galegofalantes son capaces de falar, cando menos, dúas linguas e este bilingüismo facilítalles a adquisición de máis linguas e doutros moitos coñecementos.
Pero volvendo ao conto, aínda que aquí conviven dúas linguas unha delas é a lingua natural deste territorio. Facemos unha proba que aclarará esta afirmación?
En que lingua nomeamos os lugares da nosa terra (topónimos)? Imos poñer algúns exemplos só do concello de Ames: O Milladoiro, Bertamiráns, Bugallido, Biduído, A Tarroeira, Ventín, A Ameixenda, Rego da Andoriña, Augapesada, Barouta, Agro do Muíño, A Maía, A Igrexa, Covas, Ponte Cabirta, Carballo, Casanova, Eirapedriña, A Folgueira, Ínsua, Maguxe, Mar de Ovellas, Montemaior, Piñeiro, A Ponte Maceira, Quistiláns, Ventosa…
O reto para mañá vai consistir en agasallarlle o nome dun lugar a algún compañeiro ou compañeira e terá catro pasos:
- Realizade unha figura de papiroflexia (un barco, un avión, un sombreiro…).
- Escribide nel o nome dun lugar de Ames ou de Galicia.
- Introducídeos todos nunha caixiña e mesturádeos.
- Cada alumno/a collerá unha figura ao chou, cos ollos tapados. Non vos esquezades de que tamén participe a profe ou o profe.
O alumnado de infantil pode pedirlle a unha persoa adulta que llo escriba.
Os nomes dos lugares de Ames e o seu significado podedes consultalos neste libro de Xosé Ramón López Boullón. Remexendo habedes atopar cousas ben curiosas sobre os nosos topónimos.
E lembrades que o curso pasado aprendemos moito de toponimia co alumnado do IES do Milladoiro? Aquí tedes a ligazón onde poderedes escoitar de novo os vídeos e outros traballos moi interesantes sobre a toponimia do concello.
Ademais, na aplicación de Galicia Nomeada podedes ver todos os microtopónimos (nomes de fontes, camiños, leiras…) rexistrados no voso territorio. É unha iniciativa colaborativa, así que podedes contribuír engadindo nomes, se coñecedes algún que non estea rexistrado.
Sabedes que podemos atopar topónimos curiosos como Cagou Fóra ou o Penedo dos Peidos. Buscádeos!
Na páxina da toponimia da Xunta tedes moitas ligazóns de interese relacionadas coa onomástica galega.
Mirade que noticia tan interesante atopamos na páxina: “A rapazada amesá activa o seu modo galego tamén na toponimia”.
Outra boa noticia: Google maps comeza a respectar a toponimia oficial galega:
@g24noticias 🗺️ TECNOLOXÍA Google Maps comeza a respectar a toponimia oficial galega #Galicia #galego #TVG #G24 #G24noticias #G24gal Tardou máis do debido, pero finalmente as mentes pensantes do Google Maps decatáronse de que non existe un lugar chamado Sangenjo, senón Sanxenxo, e hai un Xinzo de Limia, no canto de Ginzo de Limia. A aplicación recúa e vai adaptándose á rica toponimia galega nas denominacións dos seus mapas. Hai xa corenta anos que os topónimos da nosa terra teñen como única forma oficial a galega. Porén a algunhas tecnolóxicas custoulles algo de tempo entendelo. A versión en castelán do google maps, por exemplo, recollía só a forma en español das cidades, vilas ou parroquias de Galicia. A Mesa pola Normalización Lingüística iniciou unha campaña para mudar esta situación. Agora, a aplicación adaptou por fin os seus algoritmos e xa cumpre a lei de normalización de 1984 en todas as súas versións.
Ao mellor apetécevos saber cantos topónimos en toda Galicia coinciden co topónimo de onde vivides de onde vive a vosa familia ou amizades. Tedes que acudir a páxina de Nomenclátor de Galicia.
Onte aprendestes moitos nomes… Sabedes que hai xente que escolle o nome en referencia aos topónimos existentes? Por exemplo, a ría de Aldán, no Morrazo, queda reflectida na identificación de 110 persoas, nenos na súa maioría, dado que a súa idade media é de 9,1 anos, e están empadroados todos na comunidade galega.
E a listaxe de nomes enriquecida pola toponimia galega non deixa de crecer: Marín, Ézaro, Vigo, Campio, Airas, Uma, Deva, Antela, Pol…
Cando falemos de toponimia e localizacións, ollo co que nos di Esther coa palabra “ubicar”:
Tampouco está ben dito “entorno”
E tamén nos fala que cando un topónimo ten artigo e vai acompañado dunha preposición hai unha norma que debedes seguir:
Imos xogar con DígochoEu… Cal é un nome de lugar real en Galicia?
Hoxe rematamos cos contos do camiño que podedes atopar na páxina do xabarín. Unha morea de historias independentes inspiradas en contos de tradición oral de diferentes culturas. Cada conto reflicte aspectos de distintas culturas tradicionais universais.