Hoxe vai presentar o reto, Manolo Maseda, unha persoa que destaca no ámbito musical tanto pola súa música enriba do escenario como por ser docente desta materia en centros de ensino secundario. Actualmente é o director do IES do Milladoiro, un dos centros participantes no MODO GALEGO, ACTÍVAO!
Maseda xunto con outro mestre de música crearon o proxecto “Ao Son Da Nosa Música”, unha proposta para que vós poidades achegarvos á música dunha forma activa.
E aquí tedes a SES e Manolo Maseda regueifando:
É hora de conectar coa música como nos di Maseda pero non vos imos pedir que cantedes, este reto era para o resto dos centros educativos que tamén teñen activado o modo galego, aínda que se vos apetece adiante!
Imos logo polo voso segundo reto.
Esta semana tedes que buscar artistas musicais ou grupos de música en galego que vos gusten e que creades que poden apoiar o proxecto “Modo galego, actívao”. Investigade os seus perfís nas redes socias e intentade poñervos en contacto con eles ou elas para explicarlles moi brevemente o proxecto e pedirlles que vos envíen un pequeno vídeo ou un texto breve cun saúdo para o programa que sirva para que máis xente active o modo galego.
Regras do reto:
- Todas as mensaxes enviadas deben ser respectuosas.
- Evitade insistir demasiado se non responden. O importante é intentalo!
- Agradecerlle a cada artista o seu apoio.
- Compartide as respostas co centro.
Podedes botarlle unha ollada a iniciativa cultural e de dinamización promovida pola mocidade do IES Rafael Dieste (A Coruña). Premede aquí.
Vanvos algunhas ligazóns de música “feita en Galicia” que vive un momento de gran popularidade desde os estilos máis tradicionais aos máis vangardistas:
- Na páxina de Orgullo Galego aparece unha lista de grupos de onte e de hoxe dos máis variados estilos.
- Ligazón á playlist con máis de 250 bandas de música de “Aquí tamén se canta” do proxecto “Aquí tamén se fala”.
- En Spotify tamén poderás atopar outra clasificación de listaxes de reprodución de música galega como a que fai Acontravento:
- Somos un país de artistas: lista con referencias de todos os estilos con máis de 250 cancións, cunha mostra de cada artista.
- Punk e Rock: a música máis directa e contundente en galego.
- Non son fada: voces de mulleres do noso panorama musical coa presenza de Ses, Guadi Galego, Tanxugueiras; Fillas de Casandra…
- O oficio da palabra- Rap: bandas contrastadas como Dios Ke Te Crew ou SondaRúa e artistas emerxentes.
- Ska: lista para bailar co mellor ska, con bandas en activo como Dakidarria e bandas xa retiradas como Skarnio.
- Música nacional-popular: temas de folk e de música de autor para una boa foliada.
- En Podgalego na categoría Música agárdanvos máis de trinta propostas radiofónicas.
Non esquezades tamén que podes visitar directamente as páxinas web de cada unha e cada un dos intérpretes e formacións.
E para rematar deixámosvos un vídeo de Rodri Míguez onde expón a situación actual que vive a música en galego. Rodri Míguez é creador de contido en TikTok. Fai vídeos de divulgación e entretemento musical, centrándose na difusión da música en galego e dos festivais galegos. Rodri forma parte do equipo de comunicación e prensa de artistas e festivais e traballa directamente con Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Sabela ou Hugo Guezeta, entre outros, e en festivais como SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo de Betanzos. Escoitade o vídeo:
Este reto tamén é unha forma de conectar cos e coas artistas e demostrarlles que valoramos o seu traballo e a nosa lingua.