Hoxe vainos a presentar o reto o Apalpador. Sabíades que o nome que recibe varía segundo o lugar? Coñecedes a historia do Apalpador? Aquí tedes a súa historia contada polo alumnado de 5º curso do CEIP Nosa Sra de Xuvencos e os grupos de infantil a continuación:
Que vos parece cantarlle unha canción ao Apalpador con Paco Nogueiras?
Tamén podes cantar e bailar acompañados polo Apalpador.
Agora escoitade o reto para mañá:
VÍDEO DO APALPADOR
Que bonito é soñar, sabedes que se pode soñar espertos? Pois o reto para mañá, como acabades de escoitar, é que lle contedes á clase o voso maior soño para o futuro (vale que o soñarades durmindo ou espertos).
Se preferides, en vez de contar un soño podedes presentar o voso obxecto especial. Seguro que todas e todos temos un obxecto que é especial para nós (un boneco, unha pulseira, un xoguete, unha peza de roupa, unha mantiña, unha pedra, un conto…). O reto será que cada quen conte cal é o seu obxecto favorito e por que é especial.
Cal é o soño do Apalpador no vídeo? Animádesvos a coñecer todos os nomes das árbores? Algúns grupos xa coñecedes os nomes das árbores porque se traballaron o curso pasado, así que podedes axudar aos vosos compañeiros e compañeiras.
Imos empezar con Digochiño e Esther que nos van a falar sobre as árbores e os froitos secos.
Aquí tedes unha ligazón onde atoparedes información das árbores máis características de Galicia.
Que árbores das que aparecen nas seguintes imaxes atopades na vosa contorna? E onde?
Agora toca demostrar canto aprendestes sobre as árbores xogando a SABES OU NON?
E rematamos con dúas cancións:
- “Todos somos capitáns” na procura dun soño que tentamos converter en realidade.
- “Nunca deixes de soñar”. Unha canción cantada polo Ritmo dos Soños, un grupo infantil formado no CEIP de Caión. E por se queredes acompañalos cantando aquí tedes a letra.
Nunca deixes de soñar Soñas que os días son sempre alegres e que non teñen un final.
Soñas con luces sempre acendidas que nunca se apagarán.
Soñas con frases nas que a mentira non chegou a existir.
Soñas con xente que pola vida vai sorrindo e é feliz.
E se che parece que o teu mundo está perdido,
pase o que pase nunca deixes de soñar.
E se din que os teus soños non teñen sentido,
pase o que pase nunca deixes de soñar.
Soñas que A Terra ten un futuro, que non existe polución
que non hai plantas nin animais en perigo de extinción.
Soñas que os lumes nas nosas fragas non volverán queimar
tantos recunchos e tanta maxia que a Natureza dá.
E se che parece que o teu mundo está perdido
pase o que pase nunca deixes de soñar.
E se din que os teus soños non teñen sentido
pase o que pase nunca deixes de soñar.
Como imos cambiar as cousas? (x4)
Como imos cambiar as cousas se non nos deixan soñar?
Como imos cambiar as cousas? (x2)
Deixádenos soñar e cambiaremos o mundo. Deixádenos soñar!
Deixádenos soñar e cambiaremos o mundo. Deixádenos soñar! Deixádenos soñar!
Soñas con xente que non ten fame e que non teme vivir.
Soñas con sitios nos que a pobreza non tivo outra que fuxir.
Soñas que as guerras son só recordos dun mundo infeliz
e que as balas foron roubadas polas palabras ao fusil.
E se che parece que o teu mundo está perdido
pase o que pase nunca deixes de soñar.
E se din que os teus soños non teñen sentido
pase o que pase nunca deixes de soñar.