Como vai o segundo reto? Xa conseguistes que algún artista contestara ao vosa mensaxe? Paciencia aínda quedan dúas semanas. Nós conseguimos falar coas Tanxugueiras e aquí tedes a súa mensaxe:
E imos polo último reto. Agora tócavos a vós conseguir que un maior número de persoas activen o modo galego. Inventade o lema máis orixinal e poderoso para animar a todo o mundo a activar o modo galego no seu día a día. Tedes o poder de inspirar coas vosas palabras.
Regras do reto:
- Debedes ser orixinais, evitar copiar frases xa existentes.
- A vosa misión é inventar unha frase curta, memorable e que xere impacto.
- Transformade a frase en algo visual (podedes plasmala nunha camiseta, nunha cartolina, nun folio, nun cacho de madeira,….)
Se o preferides, tamén podedes crear un lema musical ou gravar un vídeo coa vosa mensaxe. Adiante!
Vanvos algúns exemplos de lemas que, ademais, serviron para denominar iniciativas para activar a lingua de diferentes colectivos:
- “Gústame o galego”
- “En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai”
- “Elos, engánchate ao galego!”
- “Aquí tamén se fala”
- “Eu presumo de galego”
- “É túa, pásaa”
Actualmente, no mundo hai máis de 5.500 linguas vivas diferentes (hai quen di que son ata 7.000). Por número de falantes, o galego está no posto 160. Isto significa que estamos dentro do 3% das linguas máis faladas do mundo por diante de linguas oficiais de países coma o esloveno ou o islandés! Dato que xa coñecedes os e as que asististes a charla de Singala.
Como pode ser, se só se fala en Galicia? Pois en parte, porque o galego non só se fala en Galicia. Coñecedes outros sitios onde se fale? Para responder a esta pregunta podedes ir ao portal da lingua galega.
A que países se vos ocorre que poderiamos viaxar falando en galego e que nos entendan perfectamente? A resposta está neste vídeo:
O galego non só nos serve para falar nos países lusófonos. O galego é unha lingua romance e por iso está emparentada con moitas outras linguas europeas. Coñecelo e falalo ben axúdanos moitísimo cando queremos aprender calquera delas.
Coñecer á perfección dúas destas linguas, no noso caso o galego e o castelán, dános unha chea de pistas do que poden significar palabras noutros idiomas. Por poñer un exemplo, neste vídeo un tiktokeiro brasileiro cóntanos tres maneiras distintas das linguas para lle chamar a eses buratos das paredes polas que entran a luz e o aire. E resulta que en galego temos as tres!
@lingux_tt #linguas #idiomas #portugues #galego #catala #espanol #francais #italiano
Con todo, aínda queda xente que pensa que o galego “non é moi útil”. Deste tema fálannos o alumnado do CEIP San Clemente de Cesar no seguinte podcast sobre “Os prexuízos do galego”:
Estratexias para falar en galego con Esther Estévez e Miguel Mandayo no DígochoEu:
@digochoeu Estratexias con Mandayo para falar galego sempre que queiramos 👍 DígochoEu galego Galicia TVG @maandayo
Queres pasarte ao galego e non sabes como? Aquí algunhas claves.
Tamén escoitade o que nos conta Rocío desde as antípodas:
Nas redes podedes atopar moitos máis testemuños de xente que se animou a empregar o galego sempre, tamén na escola e coas súas amizades.
E se queredes ver testemuños de novos e novas falantes, velaquí vai unha lista de reprodución e mais a canle do proxecto Neofalantes, que ten como obxectivo a animar a xente a pasarse ao galego. Paga a pena botarlles un ollo. Non perdades a oportunidade tampouco de vos pasar pola súa páxina web. Tanta xente aprendendo a falar galego e nós, que xa o sabemos, non o imos usar?
Sexa como sexa, estas persoas son a proba vivente de que dá igual se falas na casa ou nunca na vida o falaches: mañá podes erguerte falando galego.
E rematamos coa reflexión de Sole Felloza, unha artista nacida en Uruguai que desde o primeiro día tiña claro que quería falar galego. Como di ela: “Sorpréndeme aínda hoxe cando a xente agradece que fale a súa lingua. Son eu a que ten que dicir grazas”.
Escoitade o seu vídeo vídeo: “Onde cabe unha lingua caben dúas”