RETO 3: Tentamos alcanzar o superpoder do oído ultrasónico

Hoxe vai a presentar o reto, Manolo Maseda que destaca pola súa música tanto enriba do escenario como docente nesta materia en centros de ensino secundario e actualmente é o director do IES do Milladoiro.

Maseda xunto con outro profesor de música crearon o proxecto “Ao Son Da Nosa Música”, unha proposta para que vós podades achegarvos á nosa música dunha forma activa.

E aquí tedes a SES e Manolo Maseda regueifando:

Seguro que xa sabedes que temos un mundo de música de todos os estilos e para todos os gustos e seguro que a todos e todas nos presta cantar e bailar. Así que o reto para mañá consistirá en que nos digades unha das cancións na nosa lingua que máis vos guste e a xente valente que se anime a cantar un anaquiño.

Se queredes, deste reto pode saír a listaxe de música favorita da aula. Se a conseguides, colocádea nun lugar visible para que a poida ver o resto do cole.

Para que ampliedes a vosa listaxe particular deixámosvos unhas ligazóns nas que atoparedes unha ampla e atractiva variedade de propostas musicais (pop, hip hop, rock, tradi, trap, electrónica…). Que de música chula temos en galego!

Na páxina de Orgullo Galego aparece unha lista de grupos de onte e de hoxe dos máis variados estilos.

En plataformas como Spotify tamén poderás atopar listaxes de reprodución de música galega como Música en Galego con máis de 700 temas.

En Podgalego na categoría Música agárdanvos máis de trinta propostas radiofónicas.

Non esquezades tamén que podes visitar directamente as páxinas web de cada unha e cada un dos intérpretes e formacións.

Para infantil non dubidedes en escoitar e bailar ao son da música de diferentes artistas: Mamá Cabra, Brais das Hortas, Pakolas, Magín Blanco, Cé Orquestra Pantasma, Uxía a Lambona e Banda Molona, María Fumaça, A Gramola Gominola, Chuches Amil, Cholo e Nela… Premede nesta ligazón e a escoller a canción que que máis vos guste… Tamén podedes o seguinte vídeo onde atoparedes unha lista moi longa de cancións: os superheroes, a princesa do Courel, as mans…

E agora, apetécevos xogar? Digochiño xunto con Esther xogan a “Que canción cantas” . Digochiño é un fenómeno adiviñando cancións. Dá igual o que Esther cantaruxe, o raposiño identifica a melodía nun tris. Seredes quen de recoñecer as cancións de moda no panorama musical galego e axudar a Digochiño?

Tamén podedes xogar ao xogo “Canto sabes? Éche de música” onde tedes que descubrir o sinónimo das palabras que vos propoñen.

E para aprender máis cousas sobre a música, aí van algúns contos:

  • “A música das buguinas” de BellónMaceiras, dúo formado polos músicos Daniel Bellón e Diego Maceiras. Unha historia dun neno que vai descubrindo pezas tradicionais, cun audioconto e 24 cancións arranxadas por estes músicos.
  • “Cantos contos en cantos” de Almudena Janeiro. Selección de 13 “Cantos” de procedencia e contidos diversos, feitos música e canción cunha miscelánea de ritmos que invitan a xogar e a cantar, a contar e a danzar, ao paso das voces e os distintos efectos vocais, e tamén das guitarras.
  • Ferreñas e Rock and Roll é un catálogo ilustrado a toda cor no que se outorga protagonismo a trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega. Laura Romero ao lapis, Iria Pedreira ás letras.