Hoxe presenta o reto o pallaso máis coñecido e solidario de Galicia que conta con milleiras funcións as súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos caracterízanse polo seu humor fresco, irreverente e orixinal.
E para botar unhas risas podedes ver a webserie sobre as peripecias de Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas para chegar a Chantada e estrear o seu novo espectáculo “Concerto PunkIfantil”. ¿Acadarán o seu obxectivo?
Capítulo 1
Capítulo 2
Capítulo 3
Capítulo 4
Aquí tedes o concerto enteiro… dura 1 hora…
A xente da Real Academia Galega sempre anda na procura de palabras novas para agrandar o noso dicionario. Axudámoslles?
O reto para mañá será inventar unha definición divertida para unha palabra que xa existe, por exemplo, “vacacións: accións que realizan as vacas”. Tamén podedes inventar palabras e a súa definición ou podedes crear un debuxo a partir de diferentes palabras que non estean relacionadas como podedes ver no seguinte vídeo:
E que vos parece facer un dicionario da vosa aula para compartir co resto ou expoñer esas obras de arte das palabras.
Para inspirarvos podedes escoitar a Esther con Rodri que xogan a adiviñar significados de palabras:
Mirade que dicionarios tan interesantes atopamos:
- Dicionario para boomers: dicionario elaborado polo alumnado do IES Leiras Pulpeiro que recollen palabras coloquiais utilizadas pola mocidade como gamer, “vaina”, “pana”, “bro”, “crush” para que as persoas maiores de 50 anos comprendan a linguaxe da mocidade.
- Dicionario galego ruso: O Dicionario galego-ruso, concibido no ano 2020, foi a primeira tentativa dun gran dicionario galego-ruso que incluíse tanto o léxico normativo, recoñecido pola RAG, coma palabras e mais expresións que actualmente se atopan fóra da norma estándar, a pesar de se empregaren no discurso escrito e na fala
- DIXIMED (dicionario de medicina ilustrado): O pasado venres, 22 de novembro, presentouse na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela a versión galega de DIXIMED, o primeiro dicionario de medicina ilustrado, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, coa colaboración do alumnado do CEIP López Ferreiro. Ademais do glosario, a aplicación contén outros recursos educativos (atlas do corpo humano, xogos de asociacións…), que constitúen unha excelente ferramenta para que as nenas e os nenos, de seis a doce anos, coñezan o léxico básico relacionado coa saúde e as enfermidades.
Tamén podedes ver “as palabras do ano” recollidas pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié desde o ano 2014 ata a actualidade no portal das palabras. As finalistas dos dous últimos anos foron as seguintes:
- No ano 2024: aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu. Todas elas referidas a temas que marcaron a actualidade. Para ver o seu significado premede aquí.
- No ano 2023: biodiversidade, cibercarracho-a, cooficialidade, educación emocional, feitiño-a e dereitos humanos. Podedes saber máis delas premendo nesta ligazón.
Seguro que coñecedes a Luis Piedrahita, humorista galego que inventa palabras necesarias para nomear aquelas situacións tan cotiás que non teñen palabras para ser nomeadas. Por exemplo, a impresora impertinente, un día está de mal humor e pon erro 0033444… non responde… unha palabra para nomear esta situación podería ser: “imprexorda”, máquina destinada a imprimir que desoe as indicacións do seu subordinante ou impresora testán, con capacidade de impresión e vontade de non facelo.
E coñecedes o conto “O ladrón de palabras” de Anxo Fariña. As palabras preséntanse como algo de sumo interese e valor, tanto como para que un ladrón as roube. Aquí tedes a curtametraxe do libro realizada polo alumnado de 2º da ESO do CPI de Xanceda.
Para rematar escoitade que nos conta Esther das palabras máis curtas e as palabras máis longas: