E chegou o día…

Hoxe despedímonos cun ata sempre!, ou máis ben cun ata pronto!

Chegamos ao final desta edición pero o importante é que a aventura non remate aquí, senón que o Modo Galego continúe activado nas conversas, nos xogos, nas risas, na escola, na casa, nas festas, na rúa, no parques…

Como di canción das Tanxugueiras e Valeria Castro:

Hoxe, mañá e sempre.

E como adiantamos onte, nós tamén temos unha recompensa SORPRESA para todos e todas vós!

Vai a data: venres, 17 de abril (anotade!!) pola tarde.

O lugar: explanada do pavillón de Bertamiráns.

E para quen: para toda a comunidade educativa amesá (nenas e nenos de todos os centros educativos, familias, profesorado…)

Pero que é? Outra festa? Non, non é outra festa é unha FESTAZA, un FESTIVAL.

Si, lestes ben, O FESTIVAL MODO GALEGO, cun cartelazo de luxo que desvelaremos en breve.

Grazas á colaboración do Concello de Ames, a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, o vindeiro venres 17 de abril de 2026 todas as nenas e nenos de Ames, o voso profesorado e as vosas familias estades convidados a participar neste festival, no que ademais de pasalo ben poderedes coñecer e compartir festa coas compas e cos compas de todos os centros educativos de Ames que participan no programa MODO GALEGO, ACTÍVAO!!

Así que, xa sabedes, anotade nas axendas:

VENRES, 17 DE ABRIL, FESTIVAL MODO GALEGO!!