Que é?

MODO GALEGO. ACTÍVAO!

MODO GALEGO, ACTÍVAO! é un proxecto de dinamización lingüística que implementa investigación e acción e que desenvolven a Real Academia Galega e o Concello de Ames, coa participación indispensable da comunidade educativa vinculada a educación infantil, primaria e secundaria (1ª e 2º ESO). Con el, preténdese explorar novos xeitos de dinamizar a lingua entre a xente máis nova e avaliar os resultados.

O proxecto botou a andar no ano 2021, tras a publicación do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un amplo traballo de investigación que permitiu establecer a diagnose de partida. Dende aquela, baixo o paraugas do MODO GALEGO, ACTÍVAO! desenvolvéronse moitas e diversas accións orientadas á rapazada, ás familias e ás e aos profesionais da educación formal e non formal. Nesta edición por primeira vez o programa vaise poñer a proba nos dous primeiros cursos de educación secundaria.

En que consiste o programa de compromiso lingüístico?

O obxectivo central deste programa é animar o alumnado, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de Ames a empregar, durante tres semanas consecutivas, a lingua galega o máximo posible e en todos os contextos. Para isto establécese un compromiso inicial e propóñense pequenas actividades diarias que lembren e visibilicen o acordo de activación lingüística asinado. Todo o proxecto articúlase a través dunha páxina web que se actualiza diariamente mentres dura o desafío.