Imaxes do proxecto ‘Modo galego, actívao!’ © Imaxes: RAG | Montaxe: Praza.gal
Instrucións
Na Educación Primaria:
O alumnado adquirirá o compromiso de empregar o galego durante todo o día asinando un Acordo de compromiso lingüístico. O titor ou titora exercerá de “representante” da Real Academia Galega ofrecéndolles un premio da súa elección de cumpriren o acordo. Amais, cada profesional disporá de acceso a un ACTIVADOR MGA onde recollerá diariamente as reflexións do seu alumnado dunha forma sinxela, rápida e divertida sobre o nivel de seguimento do programa, activador que leva unha SORPRESA.
Os venres publicarase na programación un documento cunha proposta de varias actividades para a semana seguinte. Cada titor ou titora escollerá aquela proposta que considere máis axeitada, interesante ou factible para incluíla na súa programación de aula a fin de desenvolvela durante estes días.
Na entrada dese día, proporase un tema para que o alumnado grave nun arquivo de son unha breve reflexión persoal durante a fin de semana. Nos primeiros días da semana seguinte, estas serán recollidas polo profesorado que seleccionará unha e a remitirá ao Seminario de Sociolingüística da RAG. Con estes testemuños prepararase unha entrada para a páxina e un programa para Ames Radio no que se falará das súas implicacións desde o punto de vista sociolingüístico.
Na Educación Infantil:
Utilizando as valoracións das actividades realizadas polo alumnado e baseándonos nas propostas achegadas polas escolas, o programa nestas idades centrarase no traballo da oralidade e o léxico de maneira adaptada. Cada día da semana proporcionarase no blog un campo semántico para escoller coas nenas e nenos “a palabra do día”. Unha vez escollida, as titoras ou titores decidirán a maneira máis axeitada de traballala.
Amais, todos os días haberá no blog algunha pequena actividade a maiores: responder unha adiviña, ver un vídeo ou escoitar unha canción, entre outras.
En calquera caso, isto non impide que se poidan facer adaptacións das actividades formuladas para a Educación Primaria se así se desexa. Aquí tedes acceso ás programacións semanais de Educación Infantil e Primaria.
Nos servizos complementarios:
Nos días de realización da actividade, o monitorado dos servizos de conciliación e actividades extraescolares, ou calquera outro profesional da educación, vai animar a que as persoas usuarias empreguen o máximo posible o galego participando no programa Modo galego. Actívao!
Este programa busca promover unha oralidade en galego nestes servizos. Os profesionais poderán adaptar ao seu contexto a guía de programación semanal ou construír calquera actividade adaptada ás temáticas semanais do programa.
Proporcionarase material sobre o modelo lingüístico dos servizos de Ames elaborado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e redactado dunha forma sinxela.
Os profesionais dos servizos complementarios participarán na investigación observando o que acontece entre os usuarios e usuarias respecto do uso das linguas a fin de facer visible a súa importancia no futuro das nenas e nenos cos que traballan. A Real Academia Galega porá a vosa disposición os materiais pertinentes para este labor.
Proporcionarase unha proposta formativa de dúas horas nun espazo virtual coa idea de tomar consciencia da vosa responsabilidade na reprodución de conductas lingüísticas respectuosas nas vosas actividades e animarvos a dar pasos como axentes de activación lingüística.
Que supón a participación no compromiso lingüístico
Na Educación Primaria, as persoas responsables comprométense a:
- Empregar o galego en todas as comunicacións, co alumnado e entre eles.
- Completar o Acordo de compromiso lingüístico establecendo un compromiso que se considere axeitado para o alumnado e un incentivo considerando os seus intereses a fin de favorecer o seu cumprimento.
- Visitar cada día o blog e ler co alumnado a entrada correspondente (15-20 minutos).
- Escoller e desenvolver polo menos unha das actividades da programación semanal.
- Deixar cinco minutos ao final do día para que os titores e titoras recollan as reflexións do alumnado da súa aula mediante o Activador MSG dunha forma sinxela, rápida e divertida.
- Recoller as gravacións da reflexión semanal do alumnado, seleccionar unha e remitila ao seguinte enderezo: modogalego@academia.gal.
Na Educación Infantil, as persoas responsables comprométense a:
- Empregar o galego en todas as comunicacións, co alumnado e entre eles.
- Completar o Acordo de compromiso lingüístico co alumnado e negociar un incentivo considerando os seus intereses a fin de favorecer o seu cumprimento.
- Visitar cada día o blog co alumnado e facer a actividade.
- Traballar unha palabra do día dentro do campo semántico proposto no blog.
- Escoller e desenvolver polo menos unha das actividades da programación semanal.
- Deixar cinco minutos ao final do día para que os titores e titoras recollan as reflexións do alumnado mediante o Activador MSG dunha forma sinxela, rápida e divertida.
Nos servizos complementarios, as persoas responsables comprométense a:
- Aplicar o modelo lingüístico dos servizos complementarios de Educación de Ames expresado no cartel exposto en todos os centros de traballo.
- Incentivar a participación nos servizos complementarios na actividade Compromiso lingüístico do programa Modo galego. Actívao!
- Incluír algunha actividade encadrada dentro das liñas temáticas semanais.
- Cubrir os cadernos de campo do monitorado de Ames proporcionados polas vosas coordinadoras.