Educación Primaria

Terceira semana

Un galego mundial!

Nesta terceira semana a temática é Un galego mundial! Nestes días cuestionaremos a imaxe do galego como lingua minoritaria e sen futuro para amosar que non só non é así, senón que se trata dunha lingua de enorme utilidade para nos abrir ao mundo. O obxectivo será tamén proxectar a ollada cara ao futuro, afastar un momento a visión do galego como un patrimonio que hai que conservar, imaxinar como o usaremos o día de mañá e comprobar como xa se está a adaptar ás novas tecnoloxías.

A) Campaña: Activa o galego!

Esta semana falaremos de que o galego segue a ser unha lingua que goza de boa saúde. A pesar disto, o certo é que estamos a empregar a nosa lingua moi por debaixo das nosas posibilidades. Imaxinádesvos que todas as galegas e galegos falásemos habitualmente na nosa lingua? Que fose o idioma escollido sempre, é dicir, cando traballamos, cando facemos unha canción, escribimos un libro, compartimos algo nas redes, imos ao médico ou cando investigamos? Para axudar a esta imaxinación, imos crear unha campaña para que a xente perda o medo á hora de expresarse habitualmente en galego.

  1. En grupos hai que identificar cales son as razóns polas que a xente ten medo a falar en galego.
  2. Agora toca pensar en mensaxes que animen a falar en galego sen medo. É importante que as mensaxes sexan positivas e dean confianza. Pódense crear consellos para aprender galego ou frases útiles para comezar a falalo. Unha vez reunidas todas as ideas, hai que crear un slogan, unha frase curta que atraia e anime á xente a falar en galego.
  3. É hora de poñerse creativos para acordar o formato en que se vai a presentar a campaña. Pódense deseñar carteis ou folletos, gravar un vídeo, crear unha canción etc.

Presentamos a continuación fontes de inspiración:

GÚSTAME O GALEGO
O NOSO IDIOMA, O GALEGO

B) A música mundial en galego

O martes 28 falaremos da intercomprensibilidade do galego con outras linguas romances e o seu valor para súa aprendizaxe. Esta primeira actividade proposta consiste en adaptar ao galego músicas doutras linguas romances que despois serán cantadas nos dous idiomas.

O obxectivo principal é enfrontar ao alumnado a un texto nunha lingua descoñecida que intentarán traducir buscando semellanzas entre a lingua de orixe e as palabras que coñecemos en galego e en castelán. Vale inventar, xa que o importante é poñer a funcionar a cabeza e non tanto chegar á tradución correcta. Esta poderémola conseguir despois con axuda ou empregando un tradutor e así comprobar canto nos achegamos.

  1. O primeiro que precisamos será facer unha escolma de cancións. Para o obxectivo da actividade, a música infantil en portugués é a que tería un maior grao de comprensibilidade. Cos nenos e nenas máis maiores e coa axuda do profesorado, escolleremos cancións noutras linguas como o catalán ou incluso o italiano ou o francés.
  2. Unha vez escollidas as cancións, estas pódense repartir entre o alumnado para que traten de lograr a tradución en pequenos grupos ou ben proxectalas para toda a clase e facer a tradución de maneira conxunta. O alumnado terá que discorrer o significado da letra ata chegar a unha proposta propia de tradución.
  3. Agora toca ver se acertamos ou non. Para iso, podemos recorrer ao tradutor de Google.
  4. Coa tradución feita, cómpre ver se queremos facer algunha adaptación nos textos.
  5. Agora xa só quedaría gravar a canción na versión que escollemos e a versión en galego, ben facendo uso dun teléfono ou dunha cámara, ben empregando software específico. Podedes consultar a páxina de recursos dos 21 días co galego e+ para atopar software gratuíto. Nós recomendamos Audacity (lembrade poñelo en galego!).

C) Os novos falantes: queres pasarte ao galego e non sabes como? Nós axudámosche

O tema do mércores 28 serán os neofalantes ou falantes de galego que non tiveron esta como lingua primeira. O obxectivo será reflexionar sobre a súa importancia para o futuro da lingua e coñecer as súas motivacións. A actividade proposta consiste en imaxinar unha ou un novo falante para a nosa lingua empregando unha aplicación web que nos permite xerar o noso neofalante mediante intelixencia artificial para despois animalo a falar dándolle consellos para motivar a outras persoas a mudar ao galego.

O neofalante pódese crear de maneira plástica, facendo un debuxo ou unha figura e acompañándoo dunha redacción na que se expliquen as súas motivacións.

Porén, dado que un dos obxectivos desta semana é matinar do lugar do galego nas novas tecnoloxías, nós facemos dúas propostas dixitais:

• A primeira proposta é empregar unha aplicación web que nos permita xerar o noso neofalante mediante intelixencia artificial para despois animalo dialogando.

  1. Empregaremos esta páxina web.
  2. Unha vez dentro, abaixo á esquerda, premeremos onde pon “Guest”. No menú despregable escolleremos a opción “Login/Signup” e procederemos ao rexistro cunha conta de correo electrónico e un contrasinal ou ben unha conta de Google.
  3. Unha vez rexistrados, imos arriba á dereita a “CREATE VIDEO”.
  4. Na seguinte pantalla ofreceránsenos varios modelos de presentadores a escoller. Podemos coller un deses, pero mellor premer en “Generate AI presenter”, xusto debaixo da fotografía central.
  5. Agora aparece no medio unha caixa para inserir texto. Aquí será onde teremos que introducir a descrición do noso neofalante. Xa que só acepta premisas en inglés, faremos uso do tradutor de Google para pasar do galego ao inglés. As descricións poden incluír cousas como “unha fotografía de…” ou “pintado ao estilo de Picasso”. Prememos “Generate” e nuns segundos o programa ofreceranos varias imaxes que, segundo el, responden á nosa descrición. Escollemos a que máis nos guste.
  6. Na caixa grande da dereita escribimos o texto que queremos que diga o noso personaxe. Lembrade que terán que ser consellos para motivar a outras persoas a mudar cara ao galego.
  7. Debaixo hai un menú despregable cos idiomas, teremos que escoller o galego e despois “Roi” ou “Sabela”, segundo queiramos unha voz de home ou de muller.
  8. Finalmente, prememos arriba á dereita en “GENERATE VIDEO” e agardamos uns segundos. Aquí tedes un vídeo de mostra dos resultados.
  9. Por último, lembrade que a versión gratuíta está limitada a 10 vídeos. Se queredes facer máis, precisaredes rexistrarvos de novo con outra conta de correo.

• A segunda proposta, axeitada para os máis cativos, consiste en debuxar o personaxe á man e logo animalo empregando unha ferramenta online. Posteriormente haberao que dobrar facendo uso dun teléfono ou dunha aplicación de edición de vídeo.

  1. A ferramenta que empregaremos neste caso será esta.
  2. O primeiro que precisaremos será un debuxo feito á man, sobre fondo branco, do personaxe de corpo completo. O ideal é que o debuxo estea feito de fronte e cos brazos e pernas separados do corpo.
  1. Escaneámolo ou quitamos unha fotografía para pasalo ao ordenador.
  2. Na páxina web prememos en “Upload Photo” e buscamos a imaxe desexada.
  3. Agora prememos en “Next”, logo en “Agree”.
  4. Na seguinte pantalla veremos un rectángulo. Se non o fixo automaticamente, adaptarémolo ao tamaño da nosa figura.
  5. O seguinte separará a figura do fondo. Se non estivese ben axustado de xeito automático, poderiámolo mellorar á man pintando coas ferramentas que nos dan.
  6. O terceiro paso daranos un esqueleto da figura. Ao igual que antes, poderémolo adaptar no caso de que non estea ben feito automaticamente.
  7. Finalmente escolleremos no menú da dereita a animación que máis nos guste. Aquí tedes un exemplo empregando un monicreque quitado de internet.
  8. No botón de “Share” poderémolo descargar para pasalo a un programa de vídeo no que dobralo. Podedes consultar a páxina de recursos dos 21 días co galego e+ para atopar software gratuíto. Nós recomendamos OpenShot (lembrade poñelo en galego!).