Educación Primaria
Segunda semana
A lingua de Ames!
A lingua de Ames! é o tema da segunda semana. Con isto queremos reforzar a vinculación entre lingua e territorio mediante o coñecemento da contorna. As actividades destes días orientaranse ao coñecemento da realidade social, patrimonio, música e cultura do concello.
A) A árbore lingüística familiar. Entrevistamos as familias e coñecemos a nosa historia familiar
Cando existe unha correspondencia entre a nosa fala e a que oímos nos nosos proxenitores ou nos nosos avós e avoas, é doado pensar que esta foi a lingua familiar desde sempre. Porén, o que sabemos polos datos sociolingüísticos é que as familias nas que o castelán é a lingua primeira de ambos avós son moi raras estatisticamente. O máis habitual é que, de falaren castelán, eles fixeran o cambio xa de adultos.
Neste caso, a proposta é unha actividade individual mediante a que o alumno ou alumna poderá tomar consciencia da súa posición dentro da rede de relacións familiares, poñendo á vista tamén a súa historia sociolingüística e os momentos de transmisión e creba.
• A través dunha entrevista, idealmente ás persoas de máis idade dentro da súa familia, a alumna ou alumno deberá obter a información precisa para debuxar e completar a súa árbore xenealóxica. Ademais dos nomes dos seus antecesores, esta deberá incluír a seguinte información lingüística:
- Cal era a súa lingua de cativo/a?
- Cal é/era a súa lingua na adultez?
- No caso de non saberen estas respostas, poremos “descoñecida” (posteriormente trataremos de inferila atendendo ao resto de relacións).
No caso do alumnado orixinario de fóra de Galicia, a actividade pode indagar sobre os familiares galegofalantes, tanto a través dos seus devanceiros, como a través das parellas dos seus familiares etc. De darse o caso de que non atopase ningún, podémolo convidar a imaxinar a continuación desta árbore na súa descendencia e na dos parentes da súa xeración.
B) Que significa o nome do sitio onde vivo?
Os nomes dos lugares son unha expresión máis da nosa lingua propia que a vincula de xeito directo coa terra na que vivimos. Por iso falaremos dos topónimos do concello e da etimoloxía dalgúns dos máis relevantes. Tamén indagaremos o significado dos nosos apelidos.
Para meterse no tema do uso do galego a través da identificación coa contorna e a transmisión xeracional pódese acudir a páxina do portal da lingua galega.
Tamén podemos acudir a recollida da microtoponimia do concello de Ames de Xosé Ramón López Boullón.
A primeira actividade que propoñemos é a elaboración colaborativa dun mapa do territorio baseándonos na percepción subxectiva do mesmo. As nenas e nenos deberán pensar nos lugares polos que camiñan de xeito no seu día a día e nomealos. Cada topónimo rexistrado deberá ir acompañado dunha moi breve etimoloxía inventada en clave humorística, ao estilo das etimoloxías populares.
O nome pode ser real ou non. Se é inventado, deberá ser consensuado co resto de compañeiros e compañeiras. Deste xeito veremos que a toponimia é algo dinámico e que bautizar lugares e manter vivos os nomes depende tamén en boa medida de nós.
Para rexistrar o traballo, propóñense dúas vías: unha analóxica e outra dixital. En calquera dos casos, a actividade faríase idealmente a nivel de aula ou mesmo de centro.
Versión analóxica:
- Debuxaremos o mapa do noso territorio sobre papel continuo. Comezamos situando o centro educativo e as rúas que chegan a el. Cada alumno e alumna ten que situar a súa casa e, aos poucos, engadir detalles ata chegar ao punto en que o consideremos completo.
- A continuación, identificamos os fitos do territorio e comezamos a nomealos. Se queremos, podemos consultar a aplicación de Galicia Nomeada.
Versión dixital:
- Na versión dixital, cada alumno ou alumna grávase nun lugar do concello da súa elección. Diante da cámara explica por que escolleu ese lugar, cando pasa por el, cal é o seu nome e por que se chama así.
- Despois, empregando a ferramenta de Google MyMap introduciremos os vídeos no lugar axeitado do mapa de Ames. É tan sinxelo como buscar no Google Maps e non require maior configuración que engadir un nome e unha descrición do noso mapa. Facendo uso do botón de “engadir marcador” embaixo da barra de procuras poderemos poñer unha chincheta no lugar desexado e a continuación engadir o nome e unha breve descrición. Premendo na icona da cámara poderemos cargar o vídeo.
C) Ames, lugar de vacacións: patrimonio, música e cultura no Concello de Ames
Indagaremos sobre o patrimonio, cultura e música que temos no noso concello para rematar creando unha campaña co tema “Ames, lugar de vacacións” a fin de poñer en valor a riqueza do Concello de Ames dunha forma divertida e orixinal. O obxectivo desta actividade é involucrarse na promoción do propio concello como un lugar de vacacións divertido e interesante.
- Comezamos revisando campañas publicitarias onde se promocionan un lugar de vacacións. Con isto traballaremos o concepto dunha campaña publicitaria e a importancia da promoción turística para un concello. Facemos tamén un listado dos puntos destacados do concello que poderían incluírse na campaña.
- Despois, teremos que formar grupos que terán a responsabilidade de destacar un punto turístico específico, unha actividade divertida ou unha característica do seu concello. Investigamos, recollemos información e escribimos un guión creativo e atractivo para o vídeo.
- Agora toca facer unha choiva de ideas e logo votar para elixir:
- Un lema atractivo que represente a campaña
- Imaxes, música ou calquera outra cousa que queiramos incluír
- Por último, chegou a hora de poñer en práctica todas as decisións tomadas para gravar e compartir a campaña coa que se conseguirá que moita xente coñeza Ames e veña a pasar as súas vacacións aquí.
Podemos inspirarnos en:
VIVAMOS COMO GALEGOS (GADIS)
VÍDEO O MEU CONCELLO “A ESTRADA MOLA” DO CEIP FIGUEIROA