Educación Primaria

Primeira semana

Temos todas as pezas!

Temos todas as pezas! é o tema da primeira semana. O obxectivo destes días é amosarlle ao alumnado que o galego é unha lingua completa e que pode asumir calquera función. As actividades estarán orientadas a explorar todo do que dispoñemos nesta lingua, reflexionar sobre o que non hai e xerar os nosos propios contidos.

A) Escola de Dobraxe: escollemos vídeos musicais e facemos dobraxes en galego

A entrada do martes falará da música dispoñible en lingua galega. Falaremos da presenza do galego nas plataformas de distribución dixital, da música nesta lingua e, por suposto, tamén da dobraxe.

Por iso, a primeira proposta que suxerimos para esta semana é que seleccionemos vídeos musicais que nos gusten e que non estean en galego para dobralos pola nosa conta. A idea é facer dobraxes divertidas da canción ou traducir a canción ao galego.

Se necesitades inspiracións, podedes acudir a canle de PÁRAMO PICTURES (@Paramo_Pictures) que nisto das dobraxes de cancións divertidas en galego son especialistas. Revisade os vídeos antes de poñerllos ao alumnado, xa que algúns poden ter contido non apto para todos os públicos.

Tamén podedes compartir vídeos de Leo I Arremecaghona, como por exemplo:

  1. O primeiro paso será constituír os grupos. A actividade poderase facer a nivel de aula pero o ideal sería facelo en grupos.
  2. A continuación cada grupo debe escoller un vídeo musical que lle gustaría dobrar. O vídeo ten que estar dispoñible en Internet, ben en Youtube, ben noutra plataforma semellante. Pódese buscar en calquera idioma, pois ímolo dobrar.
  3. O seguinte será ver o vídeo ben e consensuar decisións de distinto tipo: traducir ou inventar unha letra divertida, o número de persoas que se necesitan, a distribución das tarefas etc.
  4. Agora toca improvisar ou traducir! Ímoslle baixar o volume o vídeo e empezar a cantar e, incluso, bailar coa nosa propia versión inventada ou a tradución que fixemos! Ensaiamos o vídeo cantas veces queiramos ata conseguir o acordado no grupo.
  5. O último paso é facer a dobraxe definitiva. Esta podémola facer de dúas maneiras distintas, ben proxectando o vídeo para toda a clase e facéndoo en directo, ben gravando os vídeos e montándoos nun programa. Podedes consultar a páxina derecursos dos  21 días co galego e+ para atopar software gratuíto. Nós recomendamos OpenShot (Lembrade poñelo en galego!). Tamén podedes acudir a:
    • Recursos multimedia do obradoiro dixital galego: multimedia de uso libre
    • A banda sonora da túa vida: canle de AO SON DA NOSA MÚSICA que nos mostra un titorial para traballar co Audacity para a mestura de anacos de cancións nunha única pista. A tarefa consiste en coller 5 anacos de cancións e mesturalos nunha única pista exportada en MP3.
    • Aplicacións de IA: Consello da Cultura: Vídeo divulgativo no que se presentan diferentes aplicacións, baseadas na intelixencia artificial, que podes empregar para crear contidos en páxina web ou redes sociais. Estas son, concretamente, as ferramentas que aprenderás a usar para a creación de texto, vídeo ou imaxe: Dall-e 2Stable Diffusion GUIWritesonicOpen AIPictorySynthesia.
    • OrtoGal: unha ferramenta da Universidade de Vigo que permite comprobar en todo momento que o que esteas a escribir sexa correcto ou, de forma alternativa, o Buscatermos do Servizo Normalización da USC (velaquí un titorial e a páxina de referencia: Buscatermos.

B) Galetixtokers: gravamos un vídeo sobre a sabedoría das nosas avoas e avós en galego para as redes sociais

A entrada do mércores tratará a presenza da lingua galega nas redes sociais. Por iso a segunda actividade proposta é a realización dun vídeo nun estilo dos formatos máis populares, TikTok, aínda que tamén podería ser Youtube, Instagram, Twitch ou un podcast.

Tendo en conta que o maior nivel de destreza no uso dunha lingua só se acada cando se domina a súa fraseoloxía que reflicte o xeito de ser dos falantes, a súa vida, historia, cultura, paisaxe, crearemos a canle de GaleTiktokers sobre refráns e ditos galegos, esas frase curtas que nos van facer sorrir ou reflexionar.

  1. O primeiro paso será constituír os grupos. A actividade poderase facer a nivel de aula pero o ideal sería facelo en grupos de entre dous e catro.
  1. A continuación hai que ter en conta o tema “A sabedoría das nosas avoas e avós: frases que empregan de maneira cotiá para falar do día a día”. Hai que recoller ditos e refráns a través das familias ou buscar outras vías de investigación. Pero non só hai que recollelos, tamén hai que explicar de onde proceden e os seus usos. Aquí tedes recursos para buscar ditos e refráns:
  1. Os vídeos para cada unha das plataformas teñen as súas propias características (algúns son en directo, outros editados, uns longos e en horizontal, outros curtos e en vertical) así que teremos que identificalas e decantarnos por un formato.
  2. Finalmente, só queda gravar e producir. Para isto podemos empregar un móbil ou ben unha cámara. Se precisades facer unha edición posterior existen distintas aplicacións móbiles e programas para ordenador. Podedes consultar a páxina de recursos dos  21 días co galego e+ para atopar software gratuíto. Nós recomendamos OpenShot (Lembrade poñelo en galego!).

C) Haiku de Luisa Villalta: unha autora con múltiples posibilidades de lectura e outras expresións artísticas

A entrada do xoves tratará sobre como o galego abre as portas á rica produción literaria e cultural de Galicia, que abarca desde a música e o teatro ata as novelas e a poesía a través de Luisa Villalta. A poesía foi o xénero que máis a deu a coñecer, como poemarios coma “Sete haikús”, aparecidos no xornal El Correo Gallego o 4 de abril de 1985, que a día de hoxe non pasaron a editarse nun libro. Así que crearemos o noso libro de haikus sobre as ideas e sensacións que nos transmite o percorrido pola vida e obra de Luisa Villalta.

Para crear os haikus podemos axudarnos de:

  • Vida e obra de Luisa Villalta Colexio San Pío X (Ourense)