Activador do Modo Galego Ames

Deseñado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.

Instrucións activador do Modo Galego Ames!

Ao final do día, cada un dos días do programa, as aulas participantes accederán ao Activador do MGA! a través da ligazón dispoñible na páxina web. O obxectivo é que o alumnado reflexione sobre o compromiso acadado nesa xornada e o rexistre. Cada semana haberá unha pregunta ou misterio que só poderá ser resolto se o nivel de compromiso global da aula foi elevado.

O procedemento para facer esta actividade é o seguinte:

O acceso farase para toda a aula dende un único dispositivo, ben sexa unha tableta, un teléfono ou o ordenador do titor ou titora. É dicir, non pode acceder cada neno ou nena dende o seu propio dispositivo.

Unha vez dentro da aplicación, o titor ou titora introducirá o seguinte código de acceso: MGAAMES2024 e premerá o botón para continuar.

Na seguinte pantalla, seleccionarase o centro dende o que se participa. No caso das EEI de Covas e A Igrexa, seleccionarán o centro de primaria de referencia (Barouta e Agro do Muíño respectivamente).

A continuación, deberase introducir o número e letra correspondente á aula que está a facer a actividade. No caso das EEI, porán simplemente “EI”.

Rematado o proceso de identificación, pásase a rexistrar o nivel de activación. Tras confirmar que se comprenderon as instrucións, aparece o Activador do MGA.

  • Este é un interruptor con tres posicións: á esquerda, significa que hoxe non activamos o modo galego, no medio, que falamos algo máis de galego que de costume. Á dereita de todo, significa que hoxe tivemos o Modo Galego activado.
  • Todos e cada un dos nenos e nenas da aula terán que rexistrar o compromiso acadado ese día facendo uso deste interruptor. Xa que se fai dende un único dispositivo para toda a aula, isto pódese organizar de varias maneiras, por exemplo:
  1. O dispositivo (unha tableta ou teléfono) vaise pasando de alumno en alumno e van movendo o interruptor.
  2. As nenas e nenos fan unha fila e un por un achéganse ao dispositivo (p. ex.: o ordenador do titor ou titora) e moven o interruptor.
  3. O titor ou titora abre a aplicación nunha pantalla grande ou proxector e vai preguntando un por un, pero será o ou a docente quen vaia introducindo a resposta de cada neno ou nena.
  • Unha vez que cada un dos nenos e nenas da aula moveu o interruptor, confirmamos que a actividade rematou.

    A seguinte pantalla, amosa a pregunta da semana. Cando todas e todos estean listos, prememos o botón de continuar, que dá paso á animación cos resultados.

    • A batería do teléfono móbil que aparece na pantalla representa de xeito proporcional o nivel de activación da aula.
    • A maior nivel de activación, máis tempo permanece prendido o telefono, permitindo ver o vídeo que responde a pregunta.
    • Ao rematar, recíbese unha valoración xeral do nivel de activación da aula.