Reto 3: Música con lingua

Cantar na nosa lingua é un xeito de vivila, de gozarmos dela e de celebrala. Mais a lingua tamén nos axuda a conectar de xeito directo co que nos di a canción. Imos botarnos a falar cantando. Porque cantar mola e facelo na nosa lingua aínda máis. O panorama musical galego é moi variado e moi potente e ademais hai moitos artistas de sona internacional que tamén se animan a cantar en galego. Aí van uns exemplos:

  • Rozalén xunto coas Tanxugueiras cantando a “Virxe Do Portovello”
  • O pop electrónico de Álex Casanova (“Xeado de limón”)
  • Ana Belén nun álbum de Milladoiro coa canción “Moraima”, sobre un poema de Celso Emilio
  • O cantante Manu Chao, que nos seus directos ten incluído temas como “Eu chorei chorei”, “Licor do negro café” (de Lamatumbá), “E déixame subir”…
  • O músico C. Tangana, creou para o Celta de Vigo o himno do centenario do club “Oliveira Dos Cen Anos”, unha carta de amor composta e producida polo músico e algúns dos seus colaboradores habituais (pablopablo, Alizzz e Harto Rodríguez).

 

En novembro de 2025 apareceu esta nova : “Nace en Compostela a nova referencia do rap galego: Lumedoloop”.

O proxecto nace da unión entre tres referentes do hip-hop galego: Jamas (voz principal) e Møu (produción musical e voz), membros fundadores de Dios Ke Te Crew e figuras clave do hip-hop, xunto a DJ Mil (scratches e djing), un dos DJs máis recoñecidos da escena urbana galega. O lume está aceso e o loop faino eterno.

Jamas, Møu e DJ Mil mándavos unha mensaxe: “Todos tedes moitas pistas sonoras… a principal é a vosa voz, o voso código, o voso galego… animádevos, dádelle o play e experimentade…”. Escoitade atentamente o que vos contan:

LUMEDOLOOP

 

O reto desta semana consiste en inventar unha canción para animar a todo o mundo a activar o modo galego no seu día a día. Que tipo de música che gusta? Tradi, pop, rap, electrónica, folk, indie, punk, reggae, rocksteady, cumbia, hip-hop, ska, hardcore, Oi… Hai moito onde elixir. Vos podedes crear o voso propio estilo musical xuntando e mesturando ritmos. As cancións con máis ritmo e creatividade intentaremos que se emitan en AmesRadio para que todo mundo coñeza os e as grandes artistas do concello.

Se o preferides, podedes crear un lema e transformalo en algo visual (podedes plasmala nunha camiseta, nunha cartolina, nun folio, nun cacho de madeira… Aqueles lemas máis creativos, divertidos, con mensaxe inspiradora e soporte creativo serán expostos en lugares públicos.

Para inspirarvos para este reto, deixámosvos algúns exemplos feitos por alumnado coma vós:

Linguaquetraba é un rap en defensa do galego creado nos recreos polo alumnado da ESO e Bacharelato do IES As Barxas:

 

Manifesto en forma de rap, gañador do concurso do Correlingua 2018, realizado polo alumnado do IES Antón Fraguas:

 

E se o queredes facer regueifando, visitade os recursos que nos proporciona o proxecto Enreguéifate.

Tamén podedes escoitar o que conta Miguel Blesta sobre as regueifas:

@miguelblesta

A Regueifa 🍞 #Galicia #galiciacalidade #Galego #música #músicatradicional #pandeireta

♬ sonido original – Migel Lesta

 

O grupo Sangre de Muérdago o teno claro: «Fóra de Galicia ninguén nos pregunta por que cantamos en galego». Podes ler a reflexión completa aquí.

O reto simbólico para este último venres será traermos posto un sombreiro ben fermoso. É moi sinxeliño de fabricar con papel de periódico ou cartolina e podédelo pintar ou adornar co que queirades. Vestimos de gala a nosa cabeza para fachendear de termos activado o modo galego. Podedes enviar fotos deses sombreiros engalanados.

Rematamos cos dous grupos musicais ben coñecidos, que presumen da nosa lingua e que vos animan a continuar como modo galego activado:

O grupo The Rapants que en marzo deste ano publicarán Rapants Club, un disco que presentarán no Multiusos do Sar o 28 dese mes, concerto para o que venderon 4.000 entradas nun só día.

THE RAPANTS

 

Seguro que xa os coñecedes, pero imos deixar o enlace a un dos nosos temas favoritos:

Meu Cariño

 

‘De Ninghures’, o grupo gañador do premio Martin Códax da Música 2025 na categoría Folk, tamén vos quere mandar unha mensaxe:

DE NINGHURES

 

Queda por aquí unha das súas cancións máis coñecidas e gañadora do premio aRi[t]mar como mellor canción galega en 2023:

DE NINGHURES – Morena