Reto final: FALO GALEGO PORQUE QUERO!!, activamos o Modo Galego cantando e bailando conxuntamente

Como sabedes o programa Modo Galego, actívao! chegou á última semana, pero xa vos adiantamos o venres que íamos ter un ata pronto ben chulo: unha festa final compartida.

Afinade voces, quentade motores e sacade esa vea de artista que levades dentro, porque…

O venres, 6 de febreiro, nos coles de Ames volveremos cantar e bailar a canción “Falo galego porque quero!!” que as Maianas crearon á mantenta para o noso proxecto. Agradecemos que nos enviedes imaxes e vídeos do resultado final.

Nalgúns centros estarán as Maianas e noutros as asociacións de Bugallido capitaneadas pola nosa colaboradora Xela Jorge para axudarnos a poñer en escena este último e divertido reto.

Para ver as indicacións tedes que entrar en instrucións, no apartado de BAILE e acceder co contrasinal que se lle facilitou a todo o profesorado. Alí atoparedes, ademais, todo o material que Inés Suárez das Maianas preparou para o programa. Deixamos unha listaxe deses materiais:

    1. Letra da canción
    2. Audio da canción
    3. Vídeos do baile

3.1. Vídeo do baile completo
3.2. Vídeo do punto do retrouso explicado
3.3. Vídeo do punto 1 explicado
3.4. Vídeo do punto 2 explicado
3.5. Vídeo do punto 3 explicado
3.6. Vídeo con outra versión + sinxela do punto 3 explicada

4. Vídeo da pandeireta (por se algún alumnado ou profe… se anima a tocar)

 

O máis importante: esta é unha actividade para divertírmonos!! Non importa como saia o baile, o realmente chulo é que todas e todos rematemos cun sorriso e unha boa sensación por pechar o programa xuntas e xuntos.

Deixamos por aquí o vídeoclip que se gravou o curso pasado que, ademais de lembrar aquela bonita experiencia, pode servir para ensaiar:

VÍDEO BAILE MODO GALEGO

 

E quen queira pode descargar este PDF coa letra

Ollo!

Se algún neno, nena, profe, mamá, papá, avoa, avó ou calquera outra persoa vinculada á comunidade educativa quere sumarse á festa tocando un instrumento, será máis que benvido e benvida. Canta máis xente, máis festa!

Ese día toca dalo todo! Rir, saltar, bailar sen parar e presumir do orgullosos e orgullosas que estamos de falar galego e de vivir en Ames.

Durante esta semana tamén podedes aproveitar para recuperar algún reto que quedase sen rematar.

E, por último, lembrámoslle ao profesorado que suban todos os traballos que queiran compartir e que esta semana imos seguir poñendo cousiñas nesta web.

Ata mañá!