Agradecementos

Estamos a piques de despedirnos, pero cun DEICA LOGO! ou máis ben cun ATA PRONTO!

Foron días de compromiso, creatividade e ilusión, e agardamos que esta experiencia vos axudase a descubrir ou redescubrir todo o que a nosa lingua pode ofrecer e que vos animedes a seguir empregándoa no voso día a día.

PARABÉNS INMENSOS POLOS TRABALLOS REALIZADOS
E UNHA SALVA DE PALMAS PARA TODAS E TODOS VÓS!
MOITAS GRAZAS POR COMPARTIR CONNOSCO ESTE CAMIÑO UN CURSO MÁIS!

Como xa cumpristes todos o retos do MODO GALEGO, este pode ser un bo momento para lembrarlles ás profesoras e profesores a súa parte do trato! Gozade moito das vosas recompensas, ben merecidas despois deste esforzo colectivo!

Antes de nos despedir, querémosvos agradecer a implicación demostrada ao longo do programa, no nome da Real Academia Galega e do Concello de Ames. O alcalde de Ames e o presidente da RAG pedíronnos, coma na edición anterior, que vos fixeramos chegar a seguinte mensaxe:

“Grazas e parabéns a toda a comunidade educativa amesá e oxalá que MODO GALEGO quede activado para sempre!”

Tamén queremos darlle os parabéns e agradecerlle o compromiso, a implicación, o esforzo incansable e a participación activa no programa ao profesorado da EEI O Milladoiro, do CEP Ventín, do CEIP de Barouta, do CEIP Agro do Muíño, do CEIP A Maía, das EEI de Covas e A Igrexa e das escolas infantís municipais A Madalena e O Bosque. Estendemos este agradecemento aos profesionais dos servizos complementarios, ás ANPAS, ás escolas deportivas municipais e ao conxunto das familias. Un agradecemento especial merece o labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega de cada un dos centros, piares fundamentais para impulsar e soster esta iniciativa.

Pero se hai protagonistas indiscutibles, eses sodes vós: as nenas e os nenos. Moitas grazas por dalo todo para que o MODO GALEGO estea activado en todos os ámbitos da nosa vida. Este programa non sería posible sen a vosa participación e compromiso.

Queremos recoñecer tamén a colaboración de todas as persoas que achegaron os retos e as mensaxes audiovisuais cheas de inspiración, capaces de animar aos máis novos e novas de Ames a seguir activando o Modo Galego. Nesta edición contamos coa participación de numerosas persoas referentes dos ámbitos cultural, educativo, deportivo e comunicativo, que se sumaron con xenerosidade ao proxecto e que lle deron aínda máis valor. Nesta edición participaron con nós moitas persoas queridas: o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o alcalde Ames, Blas García; a coordinadora dos programas de conciliación do CEIP Barouta, Paola Vignolo, o coñecido home do tempo da TVG, Diego Viaño; o creador de contidos @miguelblesta, Miguel Barbazán Lesta; o mestre estadounidense que sente paixón pola nosa lingua Andy Chichester; a artista galega, Guadi Galego; a capitá da tenda de Tecidos Tolemia, Carlota Mera; a música e contadora de historias, @mariadapontragha, María da Pontragha; o músico Xián Ardións e o seu amigo Óscar Jiménez, un valenciá que ten activadísimo o Modo Galego; o actual adestrador do Básquet Girona na ACB e ata a tempada pasada adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández; a xornalista da TVG, Loli Gómez; a creadora de contidos e gañadora dos Premios Galetiktokers 2025 do Concello de Ames, Candela Battiato; a xornalista e creadora de contidos @paulapcantelar, Paula Cantelar; o alumnado de música de 4º de ESO do IES do Milladoiro e os grupos musicais ben coñecidos que presumen da nosa lingua: LUMEDOLOOP, De Ninghures e The Rapants.

Cada achega foi unha chispa máis para manter aceso o Modo Galego. Grazas de todo corazón por formar parte deste proxecto!!!

Lembrade que na páxina web, no apartado de actividades de centros, podedes seguir accedendo a todos os recursos que fostes creando. Tamén seguirá activo todo o contido da páxina para que poidades volver a el cando consideredes.

E isto non remata aquí… mañá ides despedir o programa cantando e bailando. Agardamos que sexa un día ben bonito!

Pero a despedida vai ser curta porque nós tamén temos unha recompensa para todas e todos vós, unha sorpresa que vos desvelaremos mañá venres. E, se mañá non tedes tempo de pasar por aquí, podedes descubrila a fin de semana na casa ou o luns no cole.