HOXE COÑECEMOS A PARROQUIA DE AGRÓN
E por cuarto ano, aquí está de novo o Modo galego, actívao! Sabiades que levou un premio moi especial: o Premio Mil Primaveras. Parabéns nenos e nenas de Ames!!!! Tamén parabéns para o profesorado, monitorado e a todas as familias por ter activado o modo galego.
E atentos, porque desde a Real Academia Galega quixeron enviarvos unha mensaxe moi especial para animarvos a activar o modo galego. Adiviñades quen pode ser?
Henrique Monteagudo: Presidente da Real Academia Galega
E como todos os anos temos outra autoridade, xa coñecida por vós, que vos quere saudar desde a carballeira de Agrón e propoñer un reto para poñer en marcha o modo galego.
Blas García: Alcalde do Concello de Ames
Nesta edición do Modo Galego imos coñecer mellor Ames, o noso concello, e comezamos por AGRÓN unha parroquia situada á beira do río Tambre. Coñecédela ou sabedes de alguén que viva por alá? Pois ten lugares con nomes tan bonitos como: Arufe, Calo, O Galiñeiro, A Garea, Gasamáns, A Igrexa, Ínsua, Novais, O Pazo, Piñor, A Ponte Maceira, A Ponte Nova, Sandar e Trasmil. Presentámosvos a parroquia de Agrón.
Preguntade, preguntade a ver se atopades alguén de por alá e cando poidades ide dar un paseo pola Ponte Maceira para coñecer a música do río. Se ides, xa contaredes como soa.
As persoas que xa participastes o ano pasado no Modo Galego, Actívao! seguro que lembrades que entre todas e todos acordamos que nosa lingua podía ser de cor AZUL, a mesma cor que o mar, que o ceo ou que o río Miño que cruza Galicia. Hoxe imos dar un paso máis e imos identificar a nosa lingua cunha árbore autóctona, isto é, cunha árbore propia do país. Poderían ser un castiñeiro, unha aciñeira, un salgueiro, un loureiro, un teixo, unha cerdeira ou outras moitas, pero imos escoller o CARBALLO.
Entón o reto para mañá consistirá en dúas cousas: (1) traermos unha peza de roupa de COR AZUL e (2) unha folla de carballo pegada ou prendida á roupa (se non nos cadra de pasar por unha carballeira na que poidamos apañar unha folla seca, podemos debuxala e pintala nun papel ou cartolina para despois colocala na nosa peza de roupa azul).
Ímoslle amosar ao mundo que aquí temos unha lingua rexa coma un carballo!
SABÍAS QUE…? O carballo está considerado símbolo de fortaleza e maxestade. De aí vén a coñecida expresión “forte como un carballo” ou refráns como “un golpe só non tira un carballo”. E para rematar unha adiviña:
Que é, que é, alto está, alto mora, ten coroa como a Señora?
Para debuxar ou buscar a folla de carballo aquí vos presentamos o carballo, as súas follas, as súas flores, os seus froitos e outras curiosidades:
- Premede nesta ligazón para acceder a unha pequena presentación que fai o CEIP Labarta Pose en Zas.
- Queredes coñecer as árbores mais destacadas do noso territorio? A Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal de Galicia (PEFC) cóntanos para que se usan, como son e a situación actual en Galicia.
- E para ser un observador ou observadora da natureza e recoñecer as árbores que nos rodean podedes acceder a esta proposta de ADEGA ou esta pequena guía do Concello de Culleredo.
E agora imos aprender a distinguir árbores con dígochoEu e o IES de Baio:
@digochoeu 🌳🌿 Aprendemos a distinguir #árbores coa rapazada do IES Maximino Romero de Lema de #Baio #DígochoEu #galego #Galicia #TVG #concurso #colexio #instituto #natureza #aprendecontiktok
Xa estades listos para concursar sobre: Cantos nomes de árbores sabedes?
E imos rematar cantando unha canción do grupo «Fol do vento» que fala da importancia de coidar as nosas especies autóctonas.
Aí vai unha CURIOSIDADE:
Uns carballos centenarios indicábanlles aos labregos de Bande cando tiñan que sementar cada cousa, as patacas, o millo ou as fabas. Aqui podes ver a noticia.
Lembrades o primeiro nome do lugar da parroquia de Agrón que aparecía no texto de arriba? Facede memoria…. ARUFE. Segundo a Cartografía dos Apelidos de Galicia, arredor de 600 persoas portan o apelido Arufe. O concello de Ames é unha das áreas con maior densidade de portadores, que probablemente han de ter ascendencia máis ou menos remota neste lugar da parroquia de Agrón.
E para rematar aí vos queda pequena escolma de contos e/ou música:
A nena que abrazada as árbores, unha historia de Henrique Alvarellos ilustrada por Xulia Nieto e publicada por Alvarellos Editora.
Nos furados das árbores, de Špačková, Markéta, traducido por María Reimóndez e publicado Editorial Baía.
Xoga con landra en lingua de signos, un vídeo que forma parte do proxecto “A Landra viaxeira e o amigo Lambón” do grupo musical Os Jalochos co que aprenderemos a cantar en lingua de signos.
A árbore de Manolo, María Fumaça (Editorial Galaxia, colecección Sonárbore)
O Carballo con botas, contado en vídeo polo grupo de teatro infantil Ollomao, da Asociación Cultural de Barreiros.
***Se vos animades, na casa ou na aula podedes crear o voso propio vídeo-conto.






