Reto 1: Volve o Modo Galego. Actívao.
Imos intentar conseguir o poder da supercuriosidade

Tal foi o éxito das dúas tempadas anteriores do Modo galego que a Real Academia Galega, o Concello, o profesorado, o monitorado e os vosos pais e nais, vaia, todo o mundo!, comezou a preguntar cando empezaba de novo o programa. Así que aquí estamos de novo, cunha chea de actividades para activar o modo galego no cole, nos patios, nos parques, na casa, nos xogos,…

Desde a Real Academia Galega mandaron unha mensaxe para animarvos a activar o modo galego. Quen credes que pode ser?

Se aceptades o desafío de activar o modo galego e conseguides completalo seguro que os vosos profesores e profesoras volo saberán recompensar. Ollo este ano hai tres niveis, así que tedes moito que negociar para chegar a un bo acordo. Animádevos a activar o galego para conseguir o nivel máximo. Na cabeceira tedes un contador que vos recordará cantos días levades co modo galego activado!

E temos outra autoridade, xa coñecida por vós, que vos quere saudar e propoñer un reto para non esquecernos de ter activado o modo galego.

Seica para gustos se pintaron cores, pero o que é indiscutible é que en Galicia temos as cores máis fermosas do mundo. O verde da herba, o dourado da area, o alaranxado do solpor… Pero…, de que cor serán as apertas, o medo, a amizade, a alegría, o silencio, as risas…. Depende.

E a lingua?? Fixemos un estudo no que participou moita xente e maioritariamente acordaron que a lingua debía ser da mesma cor ca o mar, ca o ceo ou ca o río Miño que atravesa o noso país, AZUL.

Entón o reto para mañá será traermos unha peza de roupa de COR AZUL. Así ímoslle amosar ao mundo a fachenda de termos lingua propia.

E que cores coñecedes vós? Imos ver que nos conta Esther no DígochoEu.

Atrevédesvos a cantar? Aquí tedes dúas cancións sobre as cores:

  • Infantil: “Canción das cores”

  • Primaria: “O Monstro de Cores”

Seguro que tamén sabedes o nome de moitas pezas de roupa. Preguntámoslle a Esther para ver que nos conta no DígochoEu. Demostrade os vosos coñecementos sobre a roupa cos seguintes xogos que atopamos no portal dal lingua:

  • O xogo “A roupa”: tedes que escoller a palabra que se corresponda coa definición proposta sobre a roupa.
  • O xogo “Vai de roupa”: tedes que pensar no que significa a palabra destacada e dicir se a oración é verdadeira ou falsa.
  • O xogo “Aprendo a coser” tedes que dar a palabra que se corresponde con cada imaxe.
  • O xogo sobre costura e pezas de roupa que consiste en saber cal dos tres termos se axusta á definición.

E a xente máis miúda a través dos Bolechas podedes aprender as pezas de roupa entre gargalladas coa historia “Chispa lava a roupa”.