Alguén coñece a parroquia de Piñeiro? Pois ten lugares con nomes ben curiosos: Balindo, As Covas, Fernande, A Rúa, Sanamede e Vilaverde. Presentámosvos a parroquia de Piñeiro.
Sabiades que en Sanamede de Piñeiro houbo un mosteiro medieval?
Como xa sabedes os topónimos poden ter orixes moi diversas e moitas veces están relacionados con elementos da natureza, da paisaxe ou do contexto e lugar onde se dan. Outras veces están relacionados cos diferentes animais que alí habitan, co tipo de terreo, coa vexetación, coa vida social etc.
Sodes quen de identificar a orixe de Piñeiro?
E quen nos presenta o reto para a fin de semana? Chámase Celtia, a primeira voz artificial en galego dentro do Proxecto Nós:
PROXECTO NÓS
Así que para esta fin de semana imos ter un reto ben altruísta para realizar en familia. Imos intentar doar voz ou voces para o proxecto Nós seguindo as instrucións.
O luns contádesnos como foi a experiencia.
E quen non queira ou non poida doar voz, vai doar un sorriso. Traede debuxado nun papel o voso sorriso e poñede a quen llo queredes agasallar. Este meu sorriso é para…
Se queredes, podedes facer os dous retos e non vos esquezades de pedirlle á profe ou ao profe que se atrevan con estes ou estes retos.
Pero antes imos a coñecer o Proxecto Nós.
Que é o Proxecto Nós?
O Proxecto Nós é unha iniciativa impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, a través do Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) no 2021. O seu obxectivo é conseguir que o galego sexa unha lingua “viva” no mundo dixital, é dicir, que poidamos utilizala nos nosos móbiles, ordenadores, aplicacións, asistentes virtuais, etc.
Que recursos se crearon ata hoxe?
Durante estes catro anos nos que se desenvolveu o proxecto, creáronse numerosas ferramentas gratuítas e de libre acceso: un tradutor neuronal automático en galego, un recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte en texto e un sistema de conversión de texto a voz (onde está Celtia, a quen xa coñecedes!).
Que fai falta para que eses recursos se desenvolvan e funcionen?
Para que estas ferramentas intelixentes funcionen ben en galego necesítanse moitos datos e voces diferentes. Neste contexto xurdiu Common Voice, unha plataforma colaborativa impulsada por Mozilla que recolle datos de voz a través da participación cidadá.
En Common Voice hai varias maneiras de colaborar: gravar a lectura de frases, validar gravacións de voz lida e escribir novas frases. Recentemente, a plataforma incorporou unha nova funcionalidade: a ‘fala espontánea’. Isto axuda a recoller unha fala máis natural, diversa e representativa do uso real da lingua no día a día.
E agora imos ver como podemos colaborar?
Antes de comezar…
- Esta é unha actividade para realizar en familia. O alumnado estará acompañado en todo momento dunha persoa adulta, de maneira que se dá o consentimento para a cesión da voz e o seu uso para o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego.
- Estades colaborando nunha iniciativa de carácter público e aberto. A vosa voz formará parte dunha base de datos pública que se vai empregar para o desenvolvemento de ferramentas de recoñecemento da fala en galego. Porén, non se vai expor ningún outro dato de carácter persoal (nome, idade, procedencia etc.), só se van empregar as gravacións de voz.
Que se necesita?
- Un dispositivo con micrófono, preferiblemente un ordenador.
- Boa conexión a Internet.
- Un lugar tranquilo sen moito ruído (sen música de fondo nin televisores).
- Uns cantos minutos e ganas de afrontar este reto!
Paso 1. ENTRA NA PLATAFORMA
- Abre calquera navegador (Chrome, Firefox, Safari…) .
- Accede á seguinte páxina web: https://commonvoice.mozilla.org/gl
Paso 2. REXISTRO/INICIO DE SESIÓN
Para colaborar na sección de ‘fala espontánea’ hai que rexistrarse na plataforma. É moi sinxelo!
- Preme na caixa “Iniciar sesión/Rexistrarse” e introduce unha conta de correo electrónico.
- Cubre algúns datos para construír o teu perfil (idade, lingua, xénero, etc.). É importante que en “Idiomas” engadas o galego e describas o teu acento escollendo entre as opcións que figuran ou escribindo a túa propia descrición.
- Garda os datos rexistrados e comeza a colaborar!
Paso 3. PREPARADO/A, LISTO/A, XA!
- Na páxina principal busca “Falar”.
- Preme nese botón e verás que aparecen dúas opcións de gravación: “Fala guiada (Ler frases)” e “Fala espontánea (Responder preguntas)”.
- Escolle “Fala espontánea”, “Responder preguntas”.

- Permite o acceso ao micrófono para poder gravar.
Paso 4. GRAVA A TÚA VOZ!
1-Preparación
- Na pantalla aparece unha pregunta. Asegúrate de que a lingua na que estás contribuíndo é o galego.

- Pensa nas ideas principais que queres expresar e responde coas túas propias palabras.
- Se hai algunha pregunta que non che gusta ou non sabes como contestar, podes saltar á seguinte sempre que queiras.
2-Gravación
- Preme na icona do micrófono e comeza a falar.
- Fala con naturalidade, como se estiveses contándolle algo a un/unha amigo/a.
- Cando remates preme de novo para parar a gravación.
⚠️Algunhas recomendacións:
- Fala como ti falas, co teu acento, coas túas palabras.
- Non leas nada, usa as túas propias palabras.
- Non importa se te equivocas, podes volver gravar.
- Reláxate e fala con naturalidade.
- Mantén un volume constante, sen gritar nin cantar.
3-Despois de gravar
- Unha vez feita a gravación podes escoitar, repetir, eliminar ou enviar a resposta.

- Se se entende ben e estás conforme co resultado preme “Enviar”. Se non che gusta podes volver gravar a túa resposta.
Podes facer tantas gravacións como queiras. Cada voz conta! Grazas por axudar a que o galego viva no mundo dixital!






