O río Sar pasa por varios lugares do concello de Ames. O río vai correndo entre árbores e prados e pasa preto dalgúns sitios onde vive a xente, por onde podedes pasear, xogar e observar a natureza.
Que lugares coñecedes polos que pasa o río Sar? Si, si… por Bertamiráns, ademais de por outros lugares que xa comentamos como Lapido, O Instrumento, Quistiláns, Sisalde…
Sisalde xunto coas Punxeiras Baixas, zonas nas que se teñen producido inundacións provocadas polas enchentes do río Sar, son considerados como lugares de interese comunitario e pertencen á Rede Natura 2000. Ademais, serven de zona de cría ou descanso para numerosas aves.
Na contorna do río Sar, e nos seus afluentes como o rego do Ameneiral e o rego dos Pasos, viven animais como a garza real, o pato azul e a andoriña común. Na ribeira do Sar medran os narcisos, unhas flores moi bonitas que hai que coidar moito porque son moi delicadas e vulnerables. Os narcisos tamén se coñecen por outro nome popular, campaíñas, unha denominación que fai referencia á súa forma. As campaíñas ou narcisos son as flores que anuncian a primavera.
Preto deste espazo protexido, nas Cortes, están as Brañas da Devesa, un dos poucos espazos galegos que sempre mantén a humidade e non seca en ningunha época do ano. O Concello de Ames traballa para coidalas e para que todo o mundo poida coñecer mellor toda a súa biodiversidade.
Hoxe presenta o reto unha veciña da parroquia de Ames que seguro que moitos e moitas de vós a coñecedes:
LOLI GÓMEZ OVIEDO
XORNALISTA TVG
Loli é unha recoñecida xornalista e presentadora da TVG, onde desenvolve gran parte da súa traxectoria profesional vinculada aos servizos informativos e a programas de actualidade. Pero ademais é unha artista! Seguro que a vistes facendo de actriz en series como Padre Casares e O país dos ananos.
Lembrades onde dixo Loli que estaba traballando actualmente? No programa O Tempo da televisión de Galicia. Loli Gómez é unha das mulleres do tempo.
E acordádesvos dun compañeiro seu que nos presentou o reto da parroquia de Ames? Seguro que acertastes todas e todos… Diego Viaño.
Xa levamos moitos días co galego activado, pero mañá imos recuperar un reto do curso pasado e converternos en axentes da lingua… Entón o reto será conseguir que máis persoas activen o galego.
E como? Pois cada quen que escolla entre estas propostas ou outras que se lle ocorran:
- Escoller unha persoa coñecida e enviarlle un audio de WhatsApp animándoa a activar o galego (usaremos o teléfono dos nosos pais para que a sorpresa sexa maior).
- Escribirlle unha carta colectiva a algunha persoa/entidade/empresa para pedirlle que active máis e mellor o galego (fabricantes de xoguetes, creadores de series de animación, grupos de música, influencers, deportistas, gamers, gobernantes…).
As nenas e nenos de infantil podedes espallar a lingua agasallando palabras. Pensade na casa cal sería a vosa palabra favorita e decidide a que persoa lla queredes regalar. Mañá contádesnos.
As nenas e nenos do CEIP da Ramallosa, en Teo, tamén escolleron palabras e vestíronas de gala. Mirade este vídeo por se vos dá ideas:
O galego mola, verdade? Aquí tedes a canción “O happy galego” cantada polo alumnado do CEIP Virxe da Cerca da Soidade versionando un tema do cantante ameriacano Pharrell Williams:
E o galego é de todos, por suposto! Mirade que ben o explican rapeando no colexio Sagrada Familia de Aldán:
Tamén podemos Sacar a lingua e cantar canda o Dúo Vaguedades e Paco Nogueiras:
Para rematar vai unha presadiña de contos para seguir gozando de historias marabillosas e máxicas:
- O misterio do sorriso de Lucas: Nunha cidade afastada, alá onde nacen os ecos e caen as estrelas fugaces, ten lugar un misterio máis grande que un campo de margaridas ou que un ceo sen nubes. É o misterio do sorriso de Lucas, que se debuxa na súa cara de día e de noite, no verán e no inverno, os 365 días do ano.
- Bravas. O rexurdir da luz!: A GRAMOLA GOMINOLA presenta: A infame Dona Trona é feliz se ti estás triste, ou tes medo, ou tes anoxas. Poderán as Bravas derrotala e traer o rexurdir da luz ao mundo? A GRAMOLA GOMINOLA conta a ritmo de rock & roll como enfrontarse ao abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza e visibilizar as emocións. Mulleres bravas que inspiran e dan luz ao mundo!
- A pantasma da illa de Cortegada: Atréveste a entrar nesta illa chea de historias e de misterios?






