Hoxe vai ser o día do río Tambre. Este río nace na Lagoa de Sobrado dos Monxes e desemboca na ría de Muros-Noia. É a fronteira natural entre concello de Ames e o de Negreira. Baixa alegre polas terras verdes e bonitas das parroquias de Agrón, Lens, Piñeiro e Tapia. Grazas á súa auga, as árbores e as plantas medran moi fortes. Se camiñamos pola beira do río, entramos nun bosque cheo de vida. Os carballos altos son os gardiáns do lugar, e baixo eles medran pradairos e loureiros. Máis preto da auga atopamos ameneiros, freixos e abeleiras. Tamén hai moitos fentos, onde se agochan as londras e os furóns. Se prestamos atención, polas ribeiras podemos ver ras patilongas, donicelas, píntegas ou vacalouras e, se miramos ao ceo, quizais vexamos paxaros como os merlos de río, miñatos ou lavandeiras reais que observan todo desde o alto.
Seguindo o camiño do río chegamos a un lugar moi especial, perfecto para refrescarnos e relaxarnos no verán, sabedes cal é?
Lembrades que ruta de sendeirismo comeza e remata neste lugar?
Hoxe preséntanos o reto unha gran creadora de contidos que foi gañadora dos Premios Galetiktokers 2025 do concello de Ames:
CANDELA BATTIATO
CREADORA DE CONTIDOS
O seu vídeo Pena da Moura destacou polo seu contido divulgativo, a calidade lingüística, a variedade de planos e a edición profesional da peza audiovisual. Aquí tedes esa peza tan marabillosa creada por Candela.
Hoxe volvemos recuperar outro reto da edición pasada.
Sabemos ben que as nenas e os nenos de Ames estades cumprindo o acordo e fostes quen de activar o galego durante todos estes días e que habedes seguir con el activado. Pero… e a xente grande? Como anda o seu nivel de activación?? Hoxe todo o alumnado vaille facer un pequeno exame ás persoas adultas que ten máis próximas e o reto para mañá consistirá en dúas cousas:
- Contarnos como anda o Modo Galego pola vosa casa.
- Escoller o profe ou a profe de todo o centro que máis e mellor activa o galego.
É difícil, verdade? Pero toca mollarse e escoller cales serán os e as profes referentes do Modo Galego Actívao no voso cole.
O reto para as persoas máis cativas será que mañá nos contedes quen fala máis galego na vosa casa, na vosa familia, no parque … pensádeo e mañá falamos.
Volvendo ao vídeo de Candela, ela di que é neofalante. Que credes que vos está dicindo?
Neofalante é unha persoa que aprende unha lingua e comeza a falala, aínda que non a falase cando era pequena. Por exemplo, hai persoas que non falaban galego na casa, pero un día deciden aprendelo na escola, coas amizades ou porque lles gusta moito. A partir dese momento, empezan a usar o galego para falar, xogar, estudar ou contar cousas.
Hai xente que vive a milleiros de quilómetros de Galicia e decidiron aprender e falar na nosa lingua. Escoitade o que nos contan Lea e Maia desde Hungría.
Apetécevos cantar? Aí vos quedan dúas cancións:
Máis Galego con Uxía Lambona e a Banda Molona:
É túa, pásaa con Grande Amore e Fátima Pego:
E para as familias e o profesorado deixámosvos estes enlaces a dúas iniciativas nas que podedes atopar unha chea de recursos:
Como sempre para rematar aí van propostas de lecturas:
- Un estraño agasallo: O día que apareceu aquel estraño paquete no bosque, todos se fixeron a mesma pregunta: será para min? Quen, se non, podería recibir algo tan fermoso? O que ninguén se imaxinaba era para quen sería realmente o seu destinatario…
- O pirata Ataripo: Unha travesía no mar da lingua para bailar á roda coas palabras.
- A bruxiña da sorte: A satisfacción é inmensa cando se consegue un obxectivo despois de salvar atrancos. Grazas ás fórmulas máxicas de Lúa, todos verán cumpridos os seus soños.
- O mundo de cores de Roque e Lía: Roque e Lía, teñen un xogo secreto grazas ao cal, xunto cos seus amigos da clase, descubriron que hai moitas e diferentes formas de ser, estar, e, por suposto, de pintar as unllas.






