Reto 14: Hoxe visitamos Tapia

Hoxe vai a ser o día de Tapia. Esta parroquia ten tres lugares: Frenza, A Mámoa e Vilouta. Presentámosvos a parroquia de Tapia.

O lugar de Vilouta orixinou un apelido moi frecuente entre a xente de Ames. Quen sabe… igual alguén de vós ten este apelido tan chulo.

E se hai un lugar no concello de Ames que todas e todos coñeceredes é a praia de Tapia. Lestes ben, Ames ten praia e está situada na parroquia de Tapia, unha praia moi divertida na que ademais de bañarnos podemos facer unha chea de actividades ao sol ou á sombra. Aproveitando o caudal do río Tambre, dende o ano 1982 está funcionando esta área recreativa onde se pode pasar un día de lecer. O espazo foise mellorando ao longo dos anos, e agora podemos facer alí moitas actividades, paseos, merendas, xogos ou, simplemente, descansar na natureza.

Unha proposta diferente que podemos probar na área recreativa de Tapia é ir en piragua! O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre ten a súa sede aquí, e podemos iniciarnos neste deporte con expertos e expertas piragüistas premiados dentro e fóra de Galicia.

Deixamos o enlace á súa páxina por se queredes coñecer mellor este club referente no noso concello

Hoxe presenta o reto outra veciña de Ames á que lle gusta investigar, escoitar e contar historias:

PAULA CANTELAR
XORNALISTA E CREADORA DE CONTIDOS

 

Paula naceu en Ames e, desde ben pequena, xa lles facía entrevistas aos seus avós e escribía as crónicas do seu día a día. Estudou xornalismo na USC e traballou na TVG, en Antena 3 e na Radio Galega. Agora é xornalista en laSexta.

A Paula gústalle moito falar, argumentar, escoitar e contrastar opinións. Se cadra por iso participou con moito éxito en varias edicións do Club de Debate, unha actividade que xunto con outros outras administracións organiza o área de Normalización Lingüística do noso concello

Vaia, estamos chegando ao final desta aventura e os últimos días a cousa complícase. Hoxe imos anunciar un reto que terá dúas partes, unha para mañá xoves e outra para o venres. Para mañá ídesvos converter en publicistas e o reto será pensar un lema ou unha frase motivadora que estimule o uso da lingua… Tamén podedes inventar e gravar unha canción colectiva animando a activar o modo galego

Despois na clase, entre todas e todos, escolleremos os que máis nos gusten e xa veremos que facemos con eles.

Para inspirarvos para este reto, deixámosvos algúns exemplos feitos por alumnado coma vós:

Os nenos e nenas do CEIP de Pazos ilustran lemas en prol da nosa lingua:

 

Rap Gústame o galego interpretado polos alumnos e alumnas de 3º de Primaria, do Colexio Martín Codax. Música:

 

Rap do IES Isidro Parga Pondal presentado na campaña falemos+galego: o galego non morde pero engancha.

 

E por último, aquí van máis libros para que sigades vivindo grandes aventuras a través das súas historias:

Hai un tigre no xardín: Pasar a tarde debuxando animais, charlando e comendo bolos de té é divertido, pero Nora ás veces necesita outra cousa. É por iso que cando a súa avoa propón que vaia buscar un tigre no xardín, a moza decide emprender a aventura, sabendo que case seguro (ela xa é grandiña para estes xogos) é un broma.

Un baúl cheo de piratas: Abre a porta do baúl, vive coma un pirata e suca os mares do Sur!. No faiado hai un vello baúl cheo de cousas inútiles. Pero Chus, Cris, Toño, Gabi e Manu usarán a súa imaxinación para convertelo nun barco pirata e vivir unha estupenda aventura nos mares do Sur da illa do tesouro.

Pitusa Semifusa e os estilos musicais: Coñecedes o blues, o reggae, o funky, o swing, o hip hop… Pitusa Semifusa váinolos ensinar para non pararmos de cantar e de bailar! A vida está chea de cores e de sabores diferentes, tamén de estilos musicais.