Reto 15: Hoxe descubrimos Trasmonte

Hoxe é o día de Trasmonte. Esta última parroquia está chea de lugares con nomes moi chulos. Son estes nove: Burgueiros, Carballo, Leboráns, O Portanxil, Reino, Salgueiro, Sorribas, Suevos e Trasmonte. Presentámosvos a parroquia de Trasmonte.

Hai moito tempo, Carballo e Suevos eran os lugares máis importantes da parroquia. Por alí pasaba xente que ía polo Camiño de Fisterra ou cara ás Torres de Altamira, coma se fose unha estrada moi famosa! Ademais, en Carballo tamén estivo durante un tempo a casa do concello, onde se tomaban decisións importantes.

Na época medieval esta mesma localidade denominábase Susavila (vila de arriba) ou Susavila do Monte. Máis adiante pasou a chamarse Susavila de Carballo e desde o século XIX é simplemente Carballo. Que de cambios! Unha tradición oral local relaciona estas mudanzas co propietario dunha casa de comidas, O Mesón da Esperanza, coñecido como Carballo por ser natural de Carballo de Bergantiños.

En Leboráns atopamos un sitio moi particular: o Pazo de Leboráns. É unha casa grande e fermosa, ao pé do monte, desde onde se pode ver todo o val. Ten de todo: vivenda, capela, horta, xardín e ata un pombal cunha torre.

En Transmonte tamén se celebra a Feira do Monte, unha festa para coidar o monte, lembrar os traballos tradicionais e gozar do noso patrimonio coa veciñanza.

Imos co reto da fin de semana.

Xa tedes as frases motivadoras ou lemas, verdade? Pois agora toca poñelos nun soporte creativo… Pode ser decorando unha camiseta, nunha cartolina, nun folio… Onde vós vexades.

E as aulas que decidiron facer a canción… toca ensaiar! Se queredes, podédela gravar a próxima semana.

Queremos presentarvos algo moi chulo que fixo o alumnado de música de 4º de ESO do IES do Milladoiro. Son uns cracks da música, quixeran darvos un consello cunha canción que fixeron con moito moito cariño.

Mandaron dúas versións da canción. Preparados para cantar e mover o corpo?

Versión trap:

 

Versión bachata:

 

Para acceder a letra premede aquí.

 

E agora indo un pouco atrás no tempo… acordádesvos quen nos axudou aprender as once parroquias… rapeando? Exacto! Foi Martín Represa, o noso rapeiro favorito, tamén coñecido como Big Meu.

Lembrades ese rap tan chulo? A que si, e xa parece que temos ganas de cantalo e bailalo. Pois aquí tedes a letra para seguir a festa. Pero antes de comezar… agora que sodes auténticos expertos e expertas nas parroquias do concello… atrevédesvos a engadirlle máis rimas ao rap?

Bigmeu dixo que sería unha pasada que crearades a vosa propia versión! Animádesvos?

 

Para acceder a letra premede aquí.

Aproveitamos para transmitirvos que desde o Proxecto Nós queren darvos os parabéns e as grazas a toda a rapazada e as vosas familias polas doazóns de voz que fixestes a fin de semana. A vosa colaboración fixo posible reunir centos de novas gravacións cheas de diversidade, creatividade e maneiras distintas de falar.

As voces máis novas achegaron experiencias, ideas e reflexións moi valiosas, e o acompañamento das familias foi fundamental para facer realidade esta participación. O resultado é unha mostra rica e viva da nosa lingua.

Atención! O programa «Modo Galego» está na recta final, pero, claro, non pode rematar sen unha FESTA! Así que, o luns, estade moi atentos porque vos daremos todas as pistas desa celebración festeira que lle poñerá o ramo a este mes no que o MODO GALEGO, ACTÍVAO tivo protagonismo en case todas as aulas de Ames.

 

Ups!!!… case nos esquecemos… aí queda outra pequena selección de contos onde vos agardan misterios, risas e sorpresas:

  • Paolo e o misterio da cerdeira: Algo misterioso pasa na Lagoa do Rei. A Cerdeira parece que está a bailar e non para de falar nunca linguaxe estraña. Ninguén sabe o que lle pasa e, Paolo e os seus amigos, deciden descubrilo.
  • Un baúl cheo de piratas: No faiado hai un vello baúl cheo de cousas inútiles. Pero Chus, Cris, Toño, Gabi e Manu usarán a súa imaxinación para convertelo nun barco pirata e vivir unha estupenda aventura nos mares do Sur da illa do tesouro.
  • A cornecha e a xibardo: Imaxinas ser un cornecho minúsculo e viaxar no lombo dunha balea xibardo xigante por todo o mundo? Nesta historia percorreremos incribles mares de corais, atravesaremos glaciares xeados, descubriremos illas con volcáns, e quedaremos pampos ante o inmenso que é o mundo…