Reto 2: Hoxe descubrimos a parroquia de Ameixenda

Hoxe vai ser o día da Ameixenda, unha parroquia na que debía ou debe haber moitas ameixeiras, esa árbore froiteira que nos dá unha froita riquísima propia do verán, as ameixas. Sabiades que hai quen lles chama claudias ou cirolas e que o seu consumo achega moita enerxía e fibra á vez que regula a dixestión.

Pois nesta parroquia das ameixas haivos oito lugares: A Ameixenda, Cortegada, A Folgueira, O Mercuto, Montemaior, Quintáns, Sura e O Vilar. Cando queirades, ídea visitar que ten moito que ver. Presentámosvos a parroquia de Ameixenda.

Nenos e nenas de Barouta, atentos a quen presenta hoxe o reto. Seguro que algúns nenos e nenas da Maía, tamén a coñecedes.

PAOLA VIGNOLO.
COORDINADORA DOS PROGRAMAS DE CONCILIACIÓN DO CEIP BAROUTA

 

Paola é unha galega con orixe en Uruguai. Hai 22 anos atopou en Galicia o seu lugar e o seu fogar. Comezou por aprender a lingua que lle abriu as ventás a descubrir unha cultura que a namorou. Dende hai 20 anos traballa co privilexio de unir en galego a educación e o xogo, que son dous aspectos que a identifican e permítenlle desenvolver a súa paixón de vivir. Non deixa de aprender e descubrir cousas, como o que descubriu de Ameixenda grazas a Modo Galego Actívao!

Ademais Paola é a presidenta do Fútbol Club Meigas dende 2017. Sabiades que a escola de fútbol sala xa ten 21 anos de historia? Nesta noticia podedes ver a presentación do novo equipo do F.C. Meigas para a temporada 2025-2026.

Como vos conta Paola o reto vai ser sinxelo: tedes que traer todas e todos unha froita da casa e presentarlla aos compañeiros e compañeiras, pero cambiándolle o nome e inventándolle unha propiedade. Ex. Traemos unha laranxa e presentámola así: Esta é unha froita que se chama sura e serve para imaxinar historias.

Se queredes, con todas as propiedades que inventedes podedes facer unha listaxe da aula. Quen sabe se estades descubrindo propiedades que aínda ninguén coñece????

O galego, como lingua enraizada na terra e no mundo rural, conta cun léxico riquísimo para referirse ás árbores froiteiras. Cantas árbores froiteiras coñecedes? Aquí tedes un pequena guía dos nomes das árbores froiteiras.

E que vos parece experimentar coas vosas froitas a través dos sentidos? Cales son os sentidos? Velaquí tedes os máis básicos:

 

E os sabores?

 

Ups, Esther cometeu un erro ao falar dos sabores: Cal é?

 

E como se chama a parte superior interna da boca ou a sensibilidade de apreciar os sabores?

 

E mirade o que nos conta a Toupiña sobre os sentidos e a linguaxe:

 

Atrevédesvos a cantar “Os Sentidiños” con María Fumaça:

 

E a quen lle guste máis pode cantar “As merendas que nos gustan máis”:

 

Con esta si que vos atrevedes que é ben fácil:

Froitas, unha lectura cantada que atopamos no proxecto Aulas Galegas do conto Froitas de Oscar Villán e Antonio Rubio, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka na colección Do berce á lúa.

 

Destes outros libros que presentamos seguro que hai algún que vos gusta:

  • “Froitas e verduras” onde podes aprender os segredos do cultivo de froitas e verduras con Marga e Antón e poñelos en práctica.
  • “O xeito das froitas” que conta a historia dunha rapaza diferente, Iris. A súa relación coas froitas é especial grazas a unha mazá de peluxe que cada noite a leva de viaxe. Cando a nai e o pai de Iris perden o traballo, as froitas axúdana a comprender que os cambios poden ser o camiño cara a un novo comezo.
  • “A árbore xenerosa”: Un clásico que pregoa a amizade, o coidado do medio ambiente… Tenro e conmovedor, un relato do paso da infancia á idade adulta; unha historia sobre a xenerosidade e o amor sen límites dunha árbore cara a un neno.

E despedímonos cunha canción popular para cando collades unha froita e a levedes á boca:

Arriba si, abaixo non;
onde se dá a laranxa
tamén se dá o limón.
E así vai a despedida
por riba dun pau de xesta,
aquí está a flor da vida
aquí está a flor da festa.