Reto 5: Hoxe descubrimos a parroquia de Biduído

Hoxe será o día de Biduído, a parroquia que ten o maior número de habitantes do concello. Divídese nestes once lugares: Biduído de Abaixo, Biduído de Arriba, Casanova, Coira, Costoia, Fraíz, Framil, A Grela, A Igrexa, O Milladoiro, A Moniña, Paramuíño, Raíces e Ventín. Presentámosvos a parroquia de Biduído.

Sabiades que o nome desta parroquia significa que por aquí abundaban os bidos ou bidueiros?

Esta árbore posúe unha madeira branda, fácil de traballar e moi utilizada en carpintería para a elaboración de utensilios domésticos e ata de calzado: pratos, cubertos, apeiros de labranza, máscaras de entroido, instrumentos musicais, zocos e zocas…

Os bidos son doados de identificar porque adoitan ser ben altos e a cor do seu tronco tira para o branco.

Deixámosvos un poema de Manuel María que fala desta árbore á que nalgunhas zonas tamén se lle chama abidueira:

Que branca é a abidueira!
Cara ao ceo anda a soñar!
Feita zoca, anque non queira
moita lama ha de tripar!

É unha das primeiras árbores que bota follas novas na primavera e disque as sementes de bidueiro son os seres vivos alados máis lixeiros do mundo.

Hoxe o reto chega desde moi lonxe, desde a outra banda do Atlántico…. desde Potsdam, unha pequena localidade no estado de Nova York onde hai moitos bidueiros. Escoitade o que nos conta:

ANDY CHICHESTER

Creador de contido en galego

 

Queredes saber quen é Andy Chichester? El preséntase como un ianque cunha alma galega. É mestre de Infantil que desde fai seis anos, dedica parte do seu tempo libre a aprender e practicar galego, unha lingua que lle chamou a atención tras unha viaxe á Coruña. Hoxe, converteuse nun creador de contido en redes como Instagram ou YouTube, onde publica vídeos en galego co obxectivo de practicar, visibilizar e compartir a súa paixón pola lingua. E para coñecer un pouco máis a Andy premede aquí.

Andy admite que é “o único galegofalante en Potsdam”. Ás aulas que lles apeteza darlle unha sorpresa a este profe de Nova York, poden gravar un vídeo conxunto e subilo á páxina do voso centro. Nós enviarémoslle a ligazón para que poida coñecer os nenos e nenas de Ames que teñen activado o Modo Galego.

E se esta fin de semana nos convertemos en sementes de bidueiro co superpoder da teletransportación? O reto, tal como vos contou Andy, será que acordedes en familia a que lugar do mundo vos gustaría viaxar e o porqué. Se vos queda tempo investigade que lingua ou linguas se falan nese lugar. O luns contádesnos.

Cantas linguas credes que hai en Europa… e cantos países? Pois en Europa temos 50 países e fálanse arredor de 200 linguas, así que, como vedes, o habitual é que na maioría dos territorios se falen dúas ou máis linguas e as fronteiras lingüísticas non coinciden case nunca coas fronteiras dos países. Deixámosvos unha imaxe para que vos fagades unha idea visual.

 

Mirade o que nos contan neste pequeno vídeo creado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela:

 

Actualmente, no mundo hai máis de 5.500 linguas vivas diferentes (hai quen di que son ata 7.000) e por número de falantes estamos dentro do 3% das linguas máis faladas do mundo.

A nivel de Europa o galego é máis falado que linguas oficiais de estados, coma o eslovaco, o esloveno, o maltés ou o islandés. Pero ademais, se nos fixamos non no número, senón na porcentaxe de falantes, o galego é a lingua rexional (que non é propia dun estado) cunha maior proporción de falantes de toda Europa! Algo para sentirnos orgullosas e orgullosos, ou non?

O galego non é unha lingua pequecha para falar entre nós, senón que é o noso mellor recurso para abrirnos ao mundo. A que países se vos ocorre que poderiamos viaxar falando en galego e que nos entendan perfectamente? A resposta está neste vídeo:

 

Unha proba da utilidade do parentesco entre linguas é a interlingua, unha lingua sintética da que xa falamos outros anos. Unha lingua sintética quere dicir que é “inventada” e, por iso mesmo, non ten falantes nativos. A particularidade da interlingua é que, para a súa creación, se basearon nos puntos en común que teñen entre si todas as linguas romances. O resultado é unha lingua que é facilmente comprendida por calquera persoa que coñeza unha lingua europea. Non o credes? Pois mirade estes vídeos:

 

Agora propoñémosvos cantar ben forte en grupo, na aula ou na casa, a canción Meu o mundo é! de Paco Nogueiras, que conta que a nosa lingua non ten límites, que todo é posible en galego: arte, música, teatro, cine, deporte, ciencia… ata explorar o espazo!

 

Como imos para a fin de semana deixámosvos o enlace de AGalega, a plataforma de contidos dixitais da Radio Televisión de Galicia na atoparedes unha ampla oferta de programas, series e películas para ver á carta.

E para ler en familia podedes escoller na plataforma m8porler os libros que máis vos gusten. A Fundación Cultural Galega Xistral creou esta aplicación co obxectivo de espallar a lectura e os libros en galego e de xerar un diálogo arredor deles.

M8porler presentouse en decembro de 2025 no Culturgal, a grande feira da cultura galega, e detrás desta ferramenta hai un traballo de moitos anos e unha actualización constante. Actualmente a aplicación recolle todos os libros publicados en galego oficialmente rexistrados. Si o que acabades de ler, TODOS OS LIBROS PUBLICADOS!!!

Así que desde o Modo Galego, actívao! dámoslle a benvida e os parabéns a esta fantástica aplicación!

Se vos animades, compartide a lista dos vosos libros ou contos preferidos cos compañeiros e compañeiras do voso centro.