Reto 6: Hoxe visitamos Bugallido

Chegamos ao día da parroquia de Bugallido e dos seus once lugares: Barreiro, As Buceleiras, Eirapedriña, Firmistáns, Framán, Guimaráns, O Instrumento, Mourigade, O Outeiro, Quistiláns e Tarrío. A canta xente coñecedes de Bugallido? Presentámosvos a parroquia de Bugallido.

Aquí ten que haber carballeiras ben fermosas, pois o nome da parroquia vén de bugallo, esa bóla dura (lisa ou con picos) que sae nas polas dos carballos ou dalgunha outra árbore cando un insecto pequerrecho pon un ovo nas súas pólas.

Vós como lles chamades?

Por Galicia adiante teñen unha chea de nomes diferentes: carrabouxo, carrabouxa, coca, bugalla, bullaca, bullaco, bailarete…

 

Seguro que coñecedes a gran artista que nos presenta hoxe o reto:

GUADI GALEGO

ARTISTA GALEGA

 

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. En 1997 entra en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira e con este grupo musical viaxou por moitos lugares levando a música galega polo mundo. No ano 2009 sae á luz Benzón, álbum aclamado pola crítica galega e española co que inicia a súa carreira en solitario, sen deixar de participar noutros proxectos. Guadi usa a súa voz para contar historias de emocións, da natureza, da amizade… queredes escoitala? Premede aquí.

E algunha vez xogastes cos bugallos? Pois o reto para mañá será traer feita unha buxaina ou un bailarete a partir dun bugallo. Só ides precisar un pauciño aguzado, un bugallo ou bugalla e algo de maña.

E, se non atopades bugallo, podedes utilizar unha pataca pequena e redondeada ou mesmo facer unha boliña con plastilina. O caso é que baile!

Quen non teña tempo de facer unha buxaina pode crear ou pensar outro xogo, por exemplo, debuxar un tres en raia nun papel ou nunha cartolina e buscar seis fichas para xogar (tres pauciños e tres herbas; tres folliñas e tres landras…).

Para o reto de mañá serve calquera xogo. Só hai unha condición… que non teñamos que mercar nada e que poidamos xogar con el na casa e no recreo.

Ahh, lembrade que non se poden mesturar allos con bugallos!!

Neste vídeo, Nuska Chousa, unha creadora de contidos dixitais que nos dá moitos consellos sobre os coidados que precisan as froitas e as hortalizas, preséntanos moi ben presentado o bugallo e a landra. Mirádeo e quedaravos aprendido para sempre!!

 

E como se fai o bailarete de bugallo? Mirade o que nos conta a web do Consello da Cultura e o noticieiro galego.

Cos bugallos tamén se pode imitar o son da curuxa, unha ave de rapina nocturna que ten cara en forma de corazón, é símbolo de sabedoría e seica está aliada coa maxia e coas cousas do alén. Para imitar o seu canto, cómpre facerlle un burato de tres ou catro milímetros ao bugallo e baleirar todo o seu interior ata convertelo nun pequeno instrumento. Nestes vídeos explícanvolo moi ben o procedemento para que vos animades a probar.

Di a sabedoría popular que “Cando a curuxa canta, a noite se levanta” ou que “Se a curuxa canta, a morte espanta”.

Agora toca xogar con Leticia Mayán, coñecida como @adochinto, divulgadora de curiosidades da Historia Contemporánea de Galicia e finalista nesta última edición dos premios Youtubeiras+ na categoría de creación de contidos. Cales coñecedes vós dos xogos que nos presenta? Seguro que todos e algún máis…

@adochinto

9 XOGOS POPULARES 🤾🏼‍♀️ O mellor para o final!! 💖 Coñeces algún??? #xogo #juegospopulares #juegos #tradicion #cultura #historia #galicia #engalego #galegasnotiktok

♬ Pousa – Luar Na Lubre

 

Ademais de xogar, imos cantar e bailar co xogo da carrasquiña. Neste vídeo explican como hai que facer:

 

E nestoutro tedes o baile completo:

 

E para brincar escoitade a Uxía Lambona e a Banda Molona coa canción da Carolina:

 

Máis contos para deixar voar a imaxinación:

  • Planeta bugallo: Dous extraterrestres chegan á terra. Falan galego porque o galego é a lingua de todo o Universo. Procuran falantes de galego en Galicia… e cústalles atopalos.
  • O meu piollo e mais eu: E que o título desta obra pica e incomoda igual que o fan os piollos cando se aloxan nas nosas cabezas. Pero adoita suceder que, en ocasións, o incómodo tamén resulta atractivo.
  • Na busca dun fogar: a historia sobre un bravo grupo de irmáns, perdidos e buscando un novo fogar. Atoparano, a través do mar, as montañas, o deserto, a través de labirintos interminables e alén do borde do mundo onde bestas estrañas están á espreita? Conseguirán permanecer xuntos?