Reto 7: Hoxe visitamos a parroquia de Covas

Hoxe festexamos o día de Covas e dos seus 8 lugares: Capeáns, Caroubáns, As Casas do Monte, Covas, A Igrexa, O Lombao, Loureiros e Ventosa.

Sabiades que Caroubáns é un nome de lugar que só se rexistra en Ames? Pois si, non hai ningún outro sitio no mundo que se chame así. Presentámosvos a parroquia de Covas.

E quen nos presenta hoxe o reto? Seguro que alguén a recoñece pola súa supertenda cun nome moi divertido, Tecidos Tolemia:

CARLOTA MERA

 

Carlota e a súa compañeira Raquel teñen una nave moi grande en Bertamiráns chea de teas únicas para costureiros e costureiras con moita imaxinación coma vós. Carlota e Raquel, ademais de ser as capitás da nave de tecidos únicos, botaron a andar un Club de Costura & Talleres. Ademais, son dúas grandes artistas que participan en “Bonito con bonito”, unha comedia que se pode ver en AGalega.gal e na que estas dúas creadoras non dan puntada sen fío mentres lle ensinan á audiencia a coser!

Sabes como se define elas? Somos unha farmacéutica e unha guionista que decidiron abrir unha tenda de teas… unha tolemia! Se queredes coñecelas un pouco máis, premede aquí.

O reto para mañá como nos conta Carlota é inventar a nosa propia tatuaxe/chapa coa que imos fachendear de lingua diante de quen nos mire. Trataríase de deseñar e crear a nosa propia tatuaxe, chapa ou broche; debuxala nunha man ou nun brazo ou traela prendida da roupa.

As tatuaxes son cousas moi serias que hai que pensar moi ben, así que, antes de debuxar na pel, recomendamos que primeiro fagamos un bosquexo en papel ou tea.

Quen non queira pintar no corpo pode deseñar unha especie de broche en papel ou tea e traelo na roupa suxeito cun prendedor coma se fose unha especie de chapa ou broche caseiro imaxinado e creada por nós.

Imos ver como fachendean de lingua polo mundo adiante.

Comezamos cunha regueifa feita coa axuda do alumnado de todas as escolas de infantil e primaria do concello de Moaña. Entre rimas, risas e moito enxeño fan gala da nosa lingua:

 

Tamén fachendean da nosa lingua neste Lipdub o CPI Virxe da Saleta. Cantan e bailan ao son dunha canción moi coñecida: Sweet Home Alabama, que en Galicia se converteu en Miña Terra Galega grazas a Siniestro Total. Aquí participa todo o alumnado do CPI xunto cos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln. Preparados e preparadas para cantar a pleno pulmón?

 

 

Apetécevos ver unha curtametraxe chea de maxia?. Aquí tedes “A orixe da nosa lingua guapa”, un filme producido pola Real Academia Galega, a partir dunha idea de Fina Casalderrey e que contou coa actuación do alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña.

 

 

E rematamos cun videoclip do grupo A Música das Baleas, que foi gañador na categoría infantil do IV Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar. O grupo formouse a partir do coro do Ceip de Caión, que dirixe o mestre Jose Carballido.

 

 

Ups!! Case nos esquecemos de poñer os contos interesantes dos que falamos todos os días. Aí van os de hoxe:

  • Na procura da illa do tesouro: Matilda e o seu pai son MOI diferentes. Ela é rápida, el é lento. Matilda é metódica e el un pouquiño trapalleiro. Ela gusta do silencio e el é un tanto rebuldeiro. Aínda así, deciden ir na procura dun tesouro agochado nunha illa perdida. Serán capaces entre os dous de atopar o tesouro?
  • Bruxa e familia: Poucas persoas saben os verdadeiros nomes das bruxas. Poucas persoas se atreven a descubrir os seus segredos. Este libro é para esas poucas persoas, as que escollen os camiños escuros, as que buscan os enigmas, as que non foxen das arañas, as que non lle teñen medo ao descoñecido, senón que o queren coñecer.
  • O que nunca che contaron: Seis historias que che abrirán os ollos, e as portas da maxia e da ilusión, coma o mellor cofre do tesouro. Cres que as ideas se acenden coma lámpadas, sen máis? Nunca te preguntaches por que o solpor pode ter todas as cores que imaxines? Observaches o ceo á noite e non fuches quen de ver o po de estrelas? Quen inventou o baile das bolboretas?…