Hoxe é o día Lens, a parroquia máis pequena do concello pero tamén unha das máis fermosas. Só ten dous lugares: Lens e Miso.
Presentámosvos a parroquia de Lens.
Nesta parroquia sitúase o Pazo de Lens, unha edificación señorial que data de finais de século XV ou de principios do XVI. Si, ten máis de 600 anos! No seu xardín viven varias árbores centenarias, entre as que destacan os buxos (poderían datar do século XVIII) e unha impresionante camelia que foi incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia.
Esa impresionante camelia, alcumada Pantalóns, está considerada o monumento vexetal máis valioso de Galicia. O seu valor económico superaría o millón e medio de euros. Mirade esta nova.
Non podemos pasar por Lens sen lle facer unha homenaxe á súa camelia, así que para mañá, ademais do reto que vos imos propoñer, podedes traer unha flor para adornar a aula. Que se note que co Modo Galego activado enchemos os coles de flores cargadas de futuro.
Imos co reto de mañá:
Martiño cravou un craviño.
Que craviño cravou Martiño?
—
A pita pasa,
a pipa pinga.
Cando a pita pasa,
a pipa pinga.
Xa sabedes que por moitas voltas que dea o mundo, a nosa lingua non se traba, por iso fomos quen de crear unha chea de trabalinguas ben xeitosos cos que podemos exercitar a lingua e botar unhas risas.
Hoxe presenta o reto unha artista que nos seus espectáculos mestura música popular con contos moi ben escenificados. É unha gran pandereteira e contadora de historias:
MARÍA DA PONTRAGHA
@mariadapontragha
EDUCADORA E ANTROPÓLOGA
María da Pontragha combina palabra falada e cantada, mesturando memoria, etnografía e música con ritmo. Unha educadora e antropóloga que dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose na recuperación e actualización das historias populares e de tradición oral e cun gusto especial polas historias que se centran nas mulleres do país. É ademais percusionista e vocalista nos grupos Bouba e Lévedo, e vocalista no grupo Sacha na horta.
Como vos conta María o reto para mañá será facer carreiras de trabalinguas inventados ou coñecidos, tedes que dicilos moi rápido e rindo.
Traede da casa un preparado e practicade coa familia. Se xogades na casa a dicir trabalinguas e queredes compartilo, gravádeo e enviádenolo a través do ou da profe.
Mirade cantos trabalinguas tan divertidos tedes aquí para escoitar, rir e escoller o que máis vos guste:
As nenas e nenos de 2ºA do CEIP Salgado Torres recitan uns trabalinguas chulísimos:
Os alumnos e alumnas de 4º do A CEIP Frián non se traban cos trabalinguas, ou si?:
Tamén podedes acudira a esta pequena guía de trabalinguas e poemas que fixo o CEIP O Marbán.
Para que vaiades practicando e non se vos trabe a lingua aquí tedes un reto do programa Brincadeiras da lingua no que hai que dicir ditos varias veces seguidas sen coller aire:
Ademais xogar cos trabalinguas imos coñecer xogos cantados de Semente de brincar, cheos de ritmo e diversión. Estes xogos pertencen á iniciativa realizada por Semente Compostela ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
Xogo da roda: A cesta
Xogo de palmas: Calacú
E se queredes descubrir máis xogos para brincar no patio ou na casa premede aquí.
Tamén podemos pasalo moi ben lendo historias incribles, como poden ser…
- O tesouro de pirata Frank: É un conto para cantar, para gozar das rimas, para rir, para moverse, para correr e sobre todo para imaxinar como sería ese tesouro tan famoso da Pirata Sally Frank que non nolo deixaron nin ver!
- Caderno de cores e cancións: Un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas.
- Voa, Voa!: Todas as tardes, Xoana baixa xogar ao parque, onde coincide con Anxo, un neno introvertido que non lle gusta nada brincar fóra, e que prefire estar na casa vendo a tele ou xogando cos videoxogos. Pouco a pouco vai entrando nos seus xogos, que lle ensinara a súa avoa.






