Hoxe estamos no día de Ortoño. E sabedes por que esta parroquia é tan importante no concello de Ames? A ver… quen o adiviña?
Pois si! Bertamiráns, a sede da Casa do Concello, pertence á Ortoño. Estamos nunha das parroquias máis poboadas do concello e ten 20 lugares diferentes: Bertamiráns, Aldea Nova, A Tarroeira, Agro do Muíño, Lapido, Maguxe, Ortoñiño, Sisalde, As Cortes, O Santo, Carballido, Casaliño, Castrigo, A Condomiña, As Punxeiras Altas, O Pedregal, As Punxeiras Baixas, Cantalarrana, O Instrumento, A Igrexa. Presentámosvos a parroquia de Ortoño.
Seguro que moitos e moitas de vós contestastes que a familia paterna de Rosalía de Castro era Ortoño e que, de seguro, ela paseou moitas veces por estes lugares. Hai quen di que Rosalía escoitou desde Ortoño as campás de Bastavales que protagonizan un dos seus poemas máis coñecidos. Na casa do Castro que pertenceu á súa familia tivo lugar en 1923, a fundación do Seminario de Estudos Galegos.
Ademais, sabemos que participades no Mes de Rosalía de Castro que leva a cabo o concello. Seguro que o pasades moi ben coas actividades variadas e participativas que se organizan para difundir a obra e o pensamento rosaliano como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos.
Nun lugar desta parroquia, en Lapido, aínda hoxe se pode visitar, á beira do río Sar, o muíño que pertenceu ao avó de Rosalía, coñecido como “o muiñeiro”. De Lapido é tamén o mozo que hoxe nos presenta o reto, moi coñecido no concello xa que durante anos participou mos musicais que se fixeron no IES de Bertamiráns:
XIÁN ARDIÓNS E ÓSCAR JIMÉNEZ
MÚSICO
Xián é titulado superior de Música e Pedagoxía Musical, toca varios instrumentos e como músico participou no musical Peter Volamos de ASPAS e forma parte das asociacións de música tradicional Rosalía de Castro e Argalleiros e da charanga de vento e metal BB+.
Como vistes, neste vídeo saúdavos tamén Óscar Jiménez, un valenciá que desde hai tres anos ten activadísimo o MODO GALEGO, con gheada e con seseo.
O reto para mañá vai ser traer aprendidos uns versos de Rosalía, para recitar ou cantar na clase ao ritmo que vos queirades.
E, se sodes máis da outra Rosalía, podedes versionar e cantar en galego un cachiño dunha canción súa.
Para inspirarvos para o reto, aquí tedes dúas experiencias moi interesantes:
O rap de Rosalía feito polo centro CEIP Rosalía de Castro para conmemorar o Día de Rosalía:
Unha das cancións máis coñecidas de Rosalía, Despechá, do álbum Motomami versionada en interlingua. Lembrades esa lingua artificial creada a partir das linguas romances, do alemán, do inglés e do ruso.
Escoitade a Carlos Valcárcel @orlophe_vauchertres, filólogo, especialista en linguas romances, profesor da Universidade de Vigo, falante de interlingua e creador dixital con miles de seguidores e seguidoras.
@orlophe_vauchertres
Escoitade a Xián interpretando o texto de Rosalía: Quíxente tanto meniña – Cantares Gallegos (1863) dentro da iniciativa “Rosalía tamén é nosa” do concello:
Queredes entrar nun museo virtual? Pois adiante! Premede na ligazón que vos deixamos a seguir… nas últimas salas ides atopar algo que vos resultará moi coñecido. Grazas ao traballo da investigadora Laura Camino, podedes acceder por primeira vez a un percorrido virtual polas representacións da escritora desde o século XIX ata os nosos días.
Premede aquí para visitar o Museo Virtual de Iconografía de Rosalía.
Aos Bolechas gústalles Rosalía. Escoitade o que nos contan sobre ela neste vídeo:
E se queres saber máis sobre a nosa Rosalía e a enorme influencia da súa obra, podedes escoitar o que nos contan nas redes:
Nuria Grandío, coñecida como @Konachadas:
@konachadas Se queres coñecer mellor a figura da nosa Rosalía e toda a súa influencia, tes unha cita este mes ✨ 🗓️ 21, 22 e 23 deste mes en Compostela, na 📍Praza de Mazarelos. #FestivalRosalía #RosalíadeCastro #tiktokengalego
María Rúa Rodríguez, coñecida como @pradorua:
@pradorua Mirade que ben acompañada estou! Hoxe achegueime ao festival Rosalía (vós tamén estades a tempo, mañá hai actividades todo o día 😉😉). Puiden desfrutar do espectáculo Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos, do Dúo Vaguedades e de Indóciles. Canto talento! Pero ademais, tamén lle preguntei á xente, por que é tan importante Rosalía para a nosa cultura? E ti, que opinas? O festival Rosalía está organizado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Santiago. Polo que lles aplaudo, así como a todas as que o organizastes. 💜 Longa vida a Rosalía e ao galego! #FESTIVALROSALÍA #ROSALÍADECASTRO
Escoitade, e preparade esas voces para cantar a marabillosa canción “Sempre Rosalía” que creou Kókiti Música para o alumnado de infantil e primaria.
Tamén podedes cantar esta versión alegre e animada da canción «Has de cantar», baseada no poema de Rosalía de Castro:
Sabiades que Rosalía de Castro é a única muller que foi retratada no anverso dun billete.
E para rematar, e seguir gozando da lectura aí van máis contos:
- Miña casiña, meu lar: A todas as que converten cousas pequenas en manxares. A loita pola supervivencia dos máis necesitados, a avaricia dos podentes, e malia a todo a alegría por vivir e superar todas as adversidades da muller protagonista cociñando un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. Todo isto está no reivindicativo poema de Rosalía de Castro que Blanca Millán ilustra neste libro, con mestría.
- Queda sitio na vasoira? A bruxa vai toda contenta na súa vasoira co seu gato, ata que lle cae o lazo da súa trenza entre as silvas. Unha aventura rimada e de carácter repetitivo e acumulativo. A impecable tradución é froito dun obradoiro de nove meses de duración feito entre tres tradutoras profesionais e once alumnas do IES Sta Irene de Vigo no curso 20-21.
- Dez piratas: Rimas cheas de humor e enxeño que nos amosan o lado máis divertido da poesía. Dunha vez eran dez piratas (os máis feos, os máis brutos, os máis malos, os máis sucios…), que un día partiron na procura dun tesouro. Pero nesta travesía, un logo do outro, van desaparecendo ata que só queda…
- Hermilindo esbirra poemas: Pronunciar palabras bonitas está totalmente prohibido no mundo mecánico. Por iso Hermilindo ten un grave problema: debe ocultar que esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón.






