O curso pasado comezamos co proxecto Modo galego. Actívao! e tivo un grande éxito. Os nenos e nenas déronos unha gran lección! O alumnado de Ames díxonos que si que sabían falar galego e que o falarían con todo o mundo e en todas as situacións se nós lles axudabamos, que lle deramos un empurronciño, vaia. E así fixemos!
O ano pasado cando paseabas polas rúas de Ames podías escoitar falar a todos os nenos e nenas en galego e tamén berrar Activa o galego! Si, así o fixeron todos aqueles rapaces e rapazas de Bertamiráns, do Milladoiro, de Bugallido, de Barouta… Con eles fixemos outras moitas actividades como un xogo de preguntas sobre o número de nenos e nenas galegofalantes no seu concello ou sobre os nomes dos lugares da súa zona. Actividades non faltaron, non.
Tal foi o éxito que a Real Academia Galega, o Concello, o profesorado, o monitorado e os vosos pais e nais, vaia, todo o mundo!, comezou a preguntar pola actividade que iamos facer o próximo curso. Por iso, pediron á Real Academia Galega repetir o programa coa axuda do Concello e, xa vedes, velaquí estamos, dispostos a este ano ser moitas máis!
Así que a Real Academia Galega, a máxima institución da lingua galega, o alcalde de Ames, a máxima autoridade municipal do concello de Ames, os vosos mestres e as monitoras de comedor, as educadoras de Bos Días e Tardes Divertidas, as vosas familias…, en fin, todos e todas animámosvos a empregar de novo o galego durante tres semanas seguidas ou, o que é o mesmo, durante só 21 días. Na cabeceira tedes un contador que vos recordará cantos días levades co modo galego activado!
PREGUNTA: O ano pasado, cando a experiencia finalizou, a Real Academia Galega preguntouvos se fora divertido participar. Lembrades a vosa experiencia do curso pasado? Foi divertido participar? Seguides activando o modo galego? E que hai dos vosos amigos e amigas, seguen activando o modo galego? Indo ao miolo do asunto… aceptades participar no reto deste ano?
Este ano está cheo de SORPRESAS pero para saber cales son ides ter que participar. Unha das sorpresas é a mensaxe do propio presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, que vos anima a participar no proxecto.
PREGUNTA: Este curso fixo a gravación desde o Concello de Ames, seguro que adiviñades onde está, non si?
Tamén se ofreceu o voso alcalde, Blas García, de aquí, de Ames, que vos anima a activar o Modo Galego!
PREGUNTA: Este curso fixo a gravación desde o Concello de Ames, seguro que adiviñades onde está, non si?
Ben, feitas as presentacións, só nos queda recordarvos que ao activar o modo galego debedes acordar unha recompensa a cambio do voso compromiso lingüístico. Así que bulide falar coas vosas profes, pechade un bo trato con elas e activade canto antes o Modo Galego!
Pero eu teño unha dúbida, trasladádelle os vosos problemas aos vosos titores e titoras, monitores ou familias e miraremos como facemos para solucionalas.
PREGUNTA: Non queremos se pesados coas preguntas do primeiro día pero vedes algo diferente nos vosos mestres e mestras? E nos vosos monitores e monitoras? Contádenos, seguro que atopamos a máis xente que quere participar.