Martes 28: o galego, unha porta ao mundo!

Onte vimos outros sitios nos que se falaba galego ademais de Galicia pero, a que outros países se vos ocorre que poderiamos viaxar falando en galego e que nos entendan perfectamente?

A resposta está neste vídeo:

PREGUNTA

• Coñecedes todas esas bandeiras?

Tamén disto nos vai falar Miguel de Lira, actor galego que vén de estrear no cine a comedia +Cuñados, e que manda un saúdo a todos os nenos e nenas do concello de Ames.

Pois así é, o galego é intercomprensible co portugués. Por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan nesta lingua, a sexta máis falada no mundo. Co galego podemos percorrer territorios lusófonos coma Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Timor Leste ou Macau-China, entendendo e facéndonos entender sen problemas.

De feito, din as malas linguas que os brasileiros entenden aínda mellor o galego que o portugués de Portugal! Premede nesta ligazón para comprobar canto se asemellan.

Pero o galego non só nos serve para falar nos países lusófonos. O galego é unha lingua romance e por iso está emparentada con moitas outras linguas europeas. Coñecelo e falalo ben axúdanos moitísimo cando queremos aprender calquera delas

Lembrades cales son as linguas romances?

O galego é unha lingua romance emparentada con outras coma o italiano, o catalán, o francés, o romanés ou o sardo.

Unha proba da utilidade deste parentesco é a interlingua, unha lingua sintética da que xa falamos o ano pasado. Unha lingua sintética quere dicir que é “inventada” e, por iso mesmo, non ten falantes nativos. Outros exemplos poden ser o esperanto ou o élfico. A particularidade da interlingua é que, para a súa creación, se basearon nos puntos en común que teñen entre si todas as linguas romances. O resultado é unha lingua que é facilmente comprendida por calquera persoa que coñeza unha lingua europea. Non o credes? Pois mirade estes vídeos:

PREGUNTAS

  • Entendestes todo o que se contaba nos vídeos?
  • Atopastes algunha palabra da interlingua que se diga exactamente igual en galego?

Por iso dicimos que o noso bilingüismo reforza a nosa competencia plurilingüe, esas habilidades que non só afectan a un idioma senón a todos á vez, que afectan á nosa capacidade de aprender calquera lingua.

Rematamos nesta ocasión con outro saúdo. Aquí vai unha mensaxe de Olaia das Tanxugueiras para toda a rapazada de Ames que está co Modo Galego ben activado!

 

PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Hoxe imos falar dunha data moi especial que celebramos cada 28 de maio. É o día Internacional do Xogo!

O xogo é moi importante para todos e todas nós, porque nos axuda a aprender cousas novas, a facer amigos e amigas e a divertirnos moito.

No Día Internacional do Xogo, nenos e nenas de todo o mundo lembran o importante que é ter tempo para xogar. Hai moitas maneiras de celebrar este día tan especial. Podedes xogar a xogos que coñezades ou inventar xogos novos.

PREGUNTAS

  • Cal é o voso xogo favorito?
  • Con quen vos gusta xogar máis?
  • Onde vos gusta xogar? Na casa, no parque, no colexio…?
  • A que xogades?
  • Como xogades?
  • Xogades en base aos vosos gustos persoais?
  • Como vos sentides cando xogades cos vosos amigos e amigas? E coa vosa familia?
  • Cal foi o último xogo que inventastes?

Podedes organizar unha pequena xornada de xogos entre vós no voso centro como se fai neste vídeo ou inventar os vosos propios xogos.

Nestas ligazóns podedes atopar información sobre xogos populares e tradicionais: