Mércores 29: os novos falantes do galego

O tema de hoxe son as persoas neofalantes.

PREGUNTA

Sabedes que significa “neofalante”? Unha pista, mirade o título da entrada de hoxe.

Segundo o dicionario da RAG, neofalante é a persoa que se acaba de incorporar ao uso dunha lingua.

A lingua galega pode ter acento estranxeiro. A lingua galega é obxecto de estudo en máis de 40 universidades en países como Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Uruguai. A maior parte delas contan con lectores que imparten o idioma e organizan actividades culturais.

En Galicia, cada ano as universidades e institucións ofertan cursos de verán para estranxeiros. Por exemplo, o Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega levan xa 34 anos celebrando cursos de verán de lingua e cultura galega para estudantes estranxeiros.

Por exemplo, se algunha vez ides a Londres, poderedes coñecer aos estudantes de galego do IE Cañada Blanch de Londres. Como nos explican na súa web, algúns destes son galegos que residen no Reino Unido, outros fillos de galegos que naceron xa alí e outros simplemente persoas interesadas que queren coñecer máis de Galicia.

  • Que razóns credes que animan a estas e outras persoas a aprender e comezar a falar en galego?

Nestes vídeos imos escoitar a 3 persoas neofalantes que nos contan por que decidiron activar o galego:

Se queredes ver máis testemuños de novos falantes, velaquí a canle do proxecto Neofalantes. Nesta noticia podedes ver nun único vídeo algúns dos testemuños recompilados.

A continuación, presentámosvos algunhas das razóns máis frecuentes polas que as persoas deciden comezar a falar en galego:

  1. Nalgúns casos, as familias deixaron de transmitir o galego aos seus fillos e fillas. Por iso, esta deixou de ser a primeira lingua de moitas persoas en Galicia. Mesmo hai xa núcleos familiares nos que ningún membro fala galego. Fronte a isto, cada vez son máis persoas que deciden dar o paso e recuperar o galego como lingua propia, desafiando os atrancos e apostando polo futuro do idioma.
  2. Tamén hai persoas que visitan Galicia e fican namoradas da nosa cultura. Esta xente aprende o idioma para saber máis de nós. Algunhas queren quedar a vivir aquí e buscan así entender a todo o mundo e integrarse mellor entre as súas veciñas e veciños.
  3. Pero tamén outras persoas precisan coñecer o galego para poder traballar do que lles gustaría. O galego é valorado ou mesmo esixido para ser profesor ou profesora, para traballar no sistema sanitario, nas forzas de seguridade, no ámbito cultural… Pero, ademais, o galego é cada vez máis valorado por distintas empresas que queren dar un servizo de calidade na nosa lingua. Por iso, cada ano centos de persoas acoden aos exames do Celga, para acreditar o seu coñecemento da nosa lingua.

No Clube de lingua do IES de Marco de Camballón profesores cóntannos por que queren aprender a falar o galego.

E no voso cole, quen quere aprender a falar mellor o galego?

Seguro que algúns xa estades a traballar nos consellos para axudalos e animalos, así que compartide e debatede co resto dos compañeiros e compañeiras. Aquí tedes algúns consellos sobre os que podedes debater.

E falando de novos falantes e persoas de fóra que aman a nosa lingua, rematamos co actor de Hollywood, Viggo Mortensen que se fixo viral apoiando o galego, tal e como nos contan nesta noticia.

 

PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Seguro que sabedes que hai moitos artistas e grupos que fan cancións divertidas e emocionantes en galego. As súas canción falan sobre animais, aventuras, os nosos sentimentos, as nosas vidas e os nosos soños.

  • Que grupos que canten en galego coñecedes?
  • Cal é a vosa canción favorita?
  • Atrevédesvos a cantala?

Non dubidedes en escoitar e bailar ao son da música de diferentes artistas que teñen en común os ritmos diversos. A intención de transmitir unha mensaxe e que vos poñades a bailar con Mamá Cabra, Brais das Hortas, Pakolas, Magín Blanco, Cé Orquestra Pantasma, Uxía a Lambona e Banda Molona, María Fumaça, A Gramola Gominola, Chuches Amil, Cholo e Nela… Premede nesta ligazón e a escoller a que máis vos guste… E FESTA RACHADA!

Pero antes, para afinar a voz, ides cantar con Digochiño a “Canción para desafinar”:

E, para quentar o corpo, premede nesta ligazón.

Lembrade que tamén podes escoitar música en: