Luns 20: a lingua de Ames

Arrincamos a segunda semana do compromiso lingüístico de Modo galego, actívao!

Esta segunda semana comeza co saúdo dun dos veciños máis coñecidos da parroquia de Bugallido, a ver que nos di:

PREGUNTAS:
  • Como foi esta fin de semana na que tivestes un día máis sen cole?
  • Como de activado estivo o modo galego?

Lembrades que o ano pasado falamos de que o concello de Ames se converteu nun dos concellos con máis nenos e nenas de toda Galicia? Por iso os coles e os parques están cheos de rapazada para xogar! Pero, a pesar de que había moitos nenos e nenas, tamén descubristes que se falaba pouco galego entre vós.

Houbo algún cambio desde que activastes o galego o ano pasado?

Como investigadores e investigadoras que sodes, hoxe ides recoller datos entre os vosos compañeiros e compañeiras a través dunha entrevista para indagar o uso que fan actualmente do galego. Para a entrevista podemos inspirarnos no seguinte vídeo:

Lembrade que vós tedes activado o modo galego! As entrevistas podedes gravalas en formato audio para compartir esa recollida de datos.

En caso de que non dispoñades de moito tempo, podedes facelo de maneira individual como podedes ver neste vídeo:

E non esquezades que desde o concello vos animan a ter activado sempre o modo galego e desde o departamento de normalización lingüística vos ofertan programas moi interesantes, como son os programas de APEGO e ENREGUÉIFATE. Para este ano xa pechou o prazo, pero podedes ir practicando! Para que vos animedes, escoitade a estes nenos e nenas nos seguintes vídeos:

Quen se atreve a inventar unha regueifa e compartila?

Por último, nun cole dixéronnos que vos gustaba xogar ao pasapalabra. Como a semana pasada aprendestes moitas cousas de Luísa Villalta, aí vos vai a RODA DAS LETRAS DE LUISA VILLALTA.

Tamén podedes xogar co CONTO INTERACTIVO LUISA VILLALTA.

 

Para Educación Infantil

Hoxe imos descubrir os animais que viven no concello de Ames.

PREGUNTAS:
  • Quen sabe que animais viven nos ríos?
  • E que animais viven no monte?
  • Que paxaros podemos ver no ceo? Sabedes como fan os paxaros os seus niños?
  • Nos campos que hai na vosa contorna, hai vacas ou ovellas? As vacas dan leite, sabémolo. E que outros alimentos se fan co leite? As ovellas teñen unha la moi suave, alguén sabe que podemos facer coa la das ovellas?

Agora imos a investigar que animais hai no concello e para iso imos axudarnos da información que nos proporciona o concello sobre o patrimonio natural.

Como podemos ler, existen os seguintes animais:

  • Na contorna do río Sar e nos seus afluentes como o rego do Ameneiral e o rego dos Pasos, poderemos atopar: GARZA REAL, PATO AZULÓN e ANDORIÑA COMÚN.
  • Na máxima altitude do concello, no monte Liñaredo, o monte maior e o alto de San Marcos, poderemos atopar: XINETAS, LOBOS, RAPOSOS, XABARÍNS, VOLVORETAS, LIBELIÑAS ou CABALIÑOS DO DEMO
  • Nas ribeiras do río Tambre poderemos atopar: LONDRAS, FURÓNS, DONICELAS, MERLOS DE RÍO, PÍNTEGAS e VACALOURAS.

Para que poidamos coñecer cousas marabillosas destes animais podemos axudarnos da páxina “A vida nos ríos” ou desta outra ligazón. E para aprender máis dos paxaros abride esta ligazón.

PREGUNTAS:

Que outros animais que non aparecen na lista vistes onde vivides?

  • Algunha vez vistes un ourizo? Os ourizos teñen púas para protexerse e encóllense cando teñen medo.
  • Apetécevos aprender como se chaman os sons que fan os animais? Pois abride o seguinte vídeo:

E para seguir aprendendo moitas máis cousas dos animais podemos acudir a Animais do mar e de terra.

Rematamos o día cantando como fan estes nenos e nenas a canción do galo neste vídeo:

Ou cantando a canción “O peixe de Manola” de María FumaÇa.

Seguro que tamén coñecedes a canción de “Dime que fixeches”.

Para rematar, chegounos desde o CEIP Agro do Muíño a presentación das marabillosas voces de 4º de infantil cantando á choiva.

Tamén lles mandamos os nosos parabéns ao alumnado de 6º de educación primaria polo galardón nos III Premios “DígochoEU”