Quizais non coñezades a definición de toponimia, pero seguro que sabedes dicir de maneira automática en que cidade ou aldea nacestes e seguro que tamén vos gusta viaxar e coñecer novos lugares, cidades ou montañas. É aquí onde entra en xogo a toponimia, o estudo dos nomes dos lugares. Disto falaremos hoxe pero, antes, imos a coñecer a Vicente Feijoo, o coordinador da unidade técnica de onomástica e toponimia da Real Academia Galega e veciño voso en Bertamiráns:
Os topónimos poden ter orixes moi diversas e moitas veces están relacionados con elementos da natureza, da paisaxe ou do contexto e lugar onde se dan, coma os diferentes animais que alí habitan, o tipo de terreo, a vexetación, a vida social etc. Imos ver se sodes quen de identificar a orixe dalgúns destes topónimos galegos:
PREGUNTAS:
De onde credes que procede o nome de Aguiar?
Seguro que tamén sabedes de onde procede o nome de Porqueira.
E os lugares que se chaman Maceira, As Maceiras ou Maceda, de onde toman o seu nome?
De onde credes que proceden topónimos Val do Dubra, Valadouro ou Balboa?
Na páxina Toponimia de Galicia podedes ver toda a información sobre os topónimos galegos. E no proxecto Galicia Nomeada podedes contribuír a recoller a microtoponimia –nomes de lugares moi concretos coma prados, fontes, casas etc.– da vosa contorna.
E os topónimos do voso concello, de onde veñen? Para iso imos escoitar aos alumnos e alumnas do IES do Milladoiro que fixeron un gran traballo de investigación sobre a toponimia de Ames. Escollede os topónimos que máis vos interesen pero antes de ver os vídeos tedes que intentar dicir cal pode ser a orixe do nome:
Castro de Ortoño
Bertamiráns
A Condomiña
As Cortes
As Punxeiras
Rúa do Muíño Vello
Maguxe
Ortoño
Ventín
Biduído
Paramuíño
Toda a información da toponimia de Ames podédela atopar nesta publicación da Colección Terra Nomeada editada pola Real Academia Galega.
E se queredes investigar máis sobre os topónimos sempre podedes acudir a rede de bibliotecas públicas de Galicia.
Pero a toponimia non só aparece nos mapas. Sabedes onde están tamén presentes os nomes de lugar? Nos vosos apelidos! É certo, moitos apelidos fan referencia aos lugares de orixe dalgún dos vosos antepasados. Tedes vós algún?
Na páxina Apelidos de Galicia podedes ver a orixe dos apelidos galegos. E nesta Nube de Apelidos podedes ver todos os rexistrados. Aparecen máis grandes aqueles máis frecuentes: atopades algún que poida facer referencia a un punto xeográfico?
Rematamos cunha CURIOSIDADE: Hai unha ducia de lugares de América que tomaron o seu nome de Galicia. Podedes ler a noticia nesta ligazón.
Para Educación Infantil
Hoxe ídesvos converter en pequenos exploradores e exploradoras para descubrir as marabillosas flores e plantas especiais que hai no voso concello.
PREGUNTAS
Cal é a vosa planta ou flor favorita? Vistes algunha desas flores ou plantas onde vivides ou cando ides de paseo polo concello?
Sabedes o nome doutra planta ou flor que vexades polos camiños?
Hai pastos naturais e hortas pola vosa zona?
Que herbas aromáticas coñecedes?
Pasa algún río polo voso concello?
Como exploradores e exploradoras tedes que investigar cales das flores e plantas que aparecen neste catálogo recoñecedes na vosa contorna.
Agora tedes que facer o mesmo coas plantas aromáticas que aparecen nesta ligazón.
Con Dígocho eu aprenderedes o nome das flores.
Para aprender as partes dunha planta tedes o seguinte video.
E se queredes ampliar vocabulario de plantas e flores podedes acudir ao léxico2 do Proxecto Artello.
Coma todos o días rematamos o día cantando. Hoxe toca a canción “Herba perrequechiña”