Como seguro xa sabedes polo ano pasado, o galego atopou na rede un espazo onde medrar e establecerse. A día de hoxe contamos con creadores de contido en Youtube, TikTok, Instagram ou Twitter/X. Tamén atopamos contido en galego froito do auxe dos podcast ou da explosión do vídeo en tempo real a través de Twitch, entre outros moitos formatos.
E non só contamos con estas creadoras e creadores, senón que conseguimos que plataformas coma Twitter e Facebook estean dispoñibles en galego. Isto é un logro, xa que estes sitios non adoitan estar en moitos idiomas alén dos catro ou cinco máis falados.
- É importante que este uso continúe aumentando para que as plataformas recoñezan o noso idioma en igualdade coas demais linguas.
- E vos, tedes redes sociais? Que lingua usades nelas?
- En que lingua tedes os vosos dispositivos na casa (ordenadores, teléfonos ou tabletas)?
- Sabiades que todos eles se poden configurar en galego?
- Que podedes facer vós para axudar a que o galego medre nas redes e na tecnoloxía?
- Animádesvos a intentalo?
Antes de seguirmos, imos escoitar a unha presentadora e produtora de Antena 3 que vos envía un saúdo e moito ánimo para o reto que estades facendo:
Agora toca escoller entre estes dous RETOS. Imos facer a nosa propia versión do que dous influenciadores do galego fan nas súas redes sociais:
- Recitar algún dos contidos que estades a aprender en forma de canción: Aquí vos presentamos o trap de Miguel Silva, graduado en lingua e literatura galega, músico e coñecido nas redes como AQUEL-E . Neste vídeo Miguel axúdanos a lembrar o uso correcto dos pronomes en galego. E vós, sabédelos colocar ben?
- Gravar as palabras que nos gustarían que se empregasen máis en galego, como fai María Rúa, coñecida nas redes como @prado_rua, no seguinte vídeo.
E a vós, que palabras en galego vos gustaría que se empregasen máis? Se non se vos ocorren, podedes preguntar ás persoas maiores ou acudir á seguinte ligazón onde se presenta unha iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que recupera palabras en perigo de extinción e tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios.
Se queredes coñecer máis sobre @prado_rua podedes ler a seguinte noticia que acaba de saír o mes pasado. María é unha auténtica influenciadora!
Rematamos cunha curiosidade para os nenos e as nenas que esteades a recoller refráns e ditos. Presentámosvos un refrán en éuscaro: “Adiskie onekin, orduak labur”. Traducido ao galego significa que, cun bo amigo, as horas fanse curtas. Atopastes vós algún dito ou refrán sobre a amizade? E se imos a procura dalgún e o colgamos na nosa aula?
Para Educación Infantil
Hoxe imos a falar do tempo que é todo o que acontece no ceo. Pode estar soleado, chuvioso, ventoso ou mesmo nevado! Imaxinade que saídes a rúa e como vos sentiriades cando:
- O sol se achega a vós cos seus raios quentiños
- Aparecen as nubes no ceo e comeza a chover
- O vento empeza a soprar
- A neve cae e cobre todo cun manto branco
O tempo é coma un xogo que cambia cada día. Podemos observalo e sentir os seus emocionantes cambios. Podemos xogar co vento coma as árbores cando bailan ao seu ritmo, ou facer bonecos e lanzar bólas de neve coas nosas amigas e amigos.
Apetécevos aprender máis sobre o tempo?
Nesta ligazón tedes unha chea de léxico relacionado co tempo meteorolóxico.
Tamén podemos cantar a canción “o tempo meteorolóxico” de Magín Blanco:
Animádesvos a concursar no concurso de palabras con Digochiño que se chama “Tempo de palabras”:
Despedimos o día cantándolle a primavera con Kóriti Música a canción da primavera: