Mércores 22: Concello de Ames, patrimonio e cultura

Imos facer unha pequena viaxe polo concello de Ames para descubrir cousas moi interesantes.

Ames ten moitos lugares que nos contan historias de tempos pasados. Sabedes cantas capelas e igrexas hai no voso concello?

7 capelas e 11 igrexas

Para coñecer máis sobre elas premede sobre esta ligazón.

Cantos pazos e pontes existen no concello?

4 pazos e 2 pontes

Seguro que moitos de vós coñecedes polo menos un dos pazos e visitades moito os seus xardíns. Para coñecer a historia dos pazos e das fontes podedes acudir a seguinte ligazón.

Que festas se celebran onde vivides? Coñecedes o resto das festas que se celebran no concello?

Celébranse máis de 20 festas desde marzo a outubro. Festa rachada!

E seguro que coñecedes o grupo de música tradicional As Maianas, verdade? Son un grupo de cantareiras que naceu dun obradoiro de música tradicional do concello de Ames e que comezou a súa andaina no ano 2007. Inés, unha das súas integrantes, mándavos un saúdo e anímavos a falar e cantar en galego.

 

Sabedes quen tamén vos quere animar a cantar en galego? O rapeiro Martín Represa, coñecido como Big Meu que gañou a Liga CeibaRimas 2023.

Resulta que Martín coñece o concello de Ames e creou un rap. Animádesvos a cantalo con el? Que vos parece se creades vós un rap para mandarllo?

 

Aquí tedes a letra:

Son once parroquias no Concello de ames
Cóntochas nun tema por se non as sabes
Bertamiráns e Milla son as localidades
Vilas e parroquias, aldeas e lugares

 

Ando por Tapia na praia fluvial,
Cun par de amigos mellor ca no mar
Quería un xeado pero non queda diñeiro
Caeume do peto xusto ao pasar por Piñeiro

 

Buscando chegamos ata Ameixenda
Onde unha velliña nos fixo a merenda
Que boa empanada deille os parabéns
Dixo que é receita da súa nai de Lens

 

Eu respondín pois miña nai é de fóra
Pero teño un amigo que vive por Covas
En Agrón xogaba nun campo nunha lomba
E de cativo ía a escola en Ames a Barouta

 

Dixo a velliña deixa que che conte
Fáltache Biduído e máis falta Trasmonte
Tamén Bugallido, e Ortoño que fun onte!
Xunto as que dixeches creo que xa son once

 

Son once parroquias no Concello de ames
Cóntochas nun tema por se non as sabes
Bertamiráns e Milla son as localidades
Vilas e parroquias, aldeas e lugares (x2)

Por se estades interesados A Voz de Galicia convoca unha nova edición do concurso escolar “Coñece o teu concello”.

 

Para Educación Infantil

Hoxe imos falar das árbores que habitan a vosa contorna. Sabedes que hai moitos tipos de árbores? Algunhas son máis grandes e outras máis pequenas, pero todas son moi importantes para a natureza. Por exemplo, se ides polo monte podedes atopar carballos. Algunha vez vistes un carballo? Soen ser moi grandes, verdade? E sabedes que froito dan? Se ides ao carón do río podedes atopar bidueiros con troncos brancos e follas pequenas.

Agora imos ver distintas imaxes das árbores que podedes atopar paseando polo voso concello para despois participar nun concurso:

Aquí tedes un fermoso traballo no que atoparedes información das árbores máis características de Galicia.

Agora que xa coñecedes as árbores ides participar no concurso: SABES OU NON?

Toca despedir o día cantando a canción “A fraga do meu avó” de Mamá Cabra.

E tamén podedes rematar o día rapeando con Big Meu. Collede o anaco da canción que máis vos guste e a rapear!