Hoxe o día das Letras Galegas dedicado pola Real Academia Galega a Luisa Villalta chegamos ao final da primeira semana e seguro que vos estades implicando moito e tedes funcionando o Modo Galego a tope! Hoxe é venres e tócanos reflexionar. Como o venres é festivo, ides facer a primeira reflexión coas vosas familias sobre como foron estes días e facer unha gravación de son. A duración deberá ser entre un e dous minutos. Velaquí tendes unhas preguntas guías:
- Está a ser como esperabades?
- Que aprendestes esta semana?
- Como vos sentistes ao participar no proxecto?
- Estades vendo os vídeos todos os días? Cales foron os que vos gustaron máis?
- En que momento foi máis doado activar o Modo Galego? Cando o falades? E cando non o falades?
- Que foi o máis difícil?
- Pasouvos algún suceso ou cousa curiosa falando galego?
Lembrade que no día 2 tedes unha lista de grupos de onte e de hoxe, ordenada por xénero ou xéneros principais, para que indagades cales son os preferidos do voso círculo familiar ou de amizades e o porqué.
E no día 3 tiñades un reto que consistía en recoller palabras en galego que xa non se usan entre as persoas maiores das vosas familias ou persoas maiores que coñezades e que queiran compartir a súa sabedoría. Regalar palabras é o agasallo máis bonito que pode haber, así que animádevos a compartilas!
Velaquí o RETO final desta semana: transformarvos en detectives e identificar as persoas que vos axudan a falar máis galego. Coma boas e bos detectives, recordade tomar boa nota de todo.
Que teñades unha moi boa fin de semana!