Venres 24: reflexión segunda semana

Xa estamos no final da segunda semana e polos traballos que nos estades a enviar parece que tedes activado o modo galego a tope. Parabéns a todos e a todas!

No CEIP BAROUTA móstrannos os haikus que fixeron para Luísa, as súas dotes musicais a través dun Galeoke e agasállanos cunhas verbas moi bonitas.

No CEIP AGRO DO MUÍÑO cantáronnos a canción “Parece que vai chover”, regaláronnos as súas palabras favoritas, realizaron unha serigrafía de Luísa Villalta e puxeron en práctica os seus coñecementos sobre plantas.

Na EEI MILLADOIRO móstrannos os seus haikus, faláronnos das emocións, aprendéronnos palabras sobre o clima e explicáronnos cando activan o modo galego.

No CEP VENTÍN tanto os nenos e nenas como as familias aprendéronnos refráns e ditos populares, fixeron un vídeo con haikus e tamén nos amosaron cando activan o modo galego.

PREGUNTAS

  • Notades que falades máis galego desde que tedes activado o Modo Galego?
  • Hai algunha persoa que antes non vos falaba en galego e agora si que o fai?
  • Cando xogades ou estades coas vosas amizades, tedes activado o Modo Galego? Tedes algunha palabra ou expresión galega favorita que utilicedes moito?
  • Escoitades máis música en galego?
  • Cal foi a actividade que vos gustou máis desta semana?

Chega outra fin de semana e con ela unha nova reflexión en familia sobre como foron estes días, para que fagades unha gravación de son. A duración deberá ser entre un e dous minutos. Velaquí as preguntas guías:

  • Falades galego coas vosas familias? E as vosas familias con vós?
  • Usades o galego cando ides ao supermercado, ao parque ou noutras actividades?
  • Pasouvos algún suceso ou cousa curiosa falando galego?
  • Xa identificastes que persoas vos axudan a falar máis galego?
  • Tedes algún lugar favorito no voso concello que vos guste ir en familia? Se vos animades, mandádenos unha pequena gravación explicando o motivo polo que vos gusta.

 

PARA A EDUCACIÓN INFANTIL

Esta finde temos unha tarefa divertida para facer en familia. Imos gravar un vídeo ou un audio curto falando do lugar voso lugar do concello favorito. Lembrade que o máis importante é pasar un bo rato facendo esta actividade en familia. Será moi divertido ver sitios que ao mellor son descoñecidos para os vosos compañeiros e compañeiras!

Estamos desexando que nos cheguen eses marabillosos vídeos e arquivos de son, pero que sexan curtos!

E lembrade que nesta semana aprendestes moito sobre os animais e as árbores do voso concello, así que podedes compartir os vosos coñecementos coas vosas familias visitando a Carballeira de Paramuíño onde se recrea a fauna e flora que existe nunha carballeira.

Todos e todas estades invitados a participar este sábado na FESTA DO APEGO en familia.

Boa fin de semana!