Xoves 16: lingua e literatura

Imaxinade que tedes unha caixa chea de palabras en galego. Cada palabra é coma unha peza dun quebracabezas que, cando as xuntas, forman historias sorprendentes. As escritoras e escritores teñen unha habilidade especial para usar o idioma e crear con el un mundo entre a fantasía e a realidade. Na literatura galega temos moitas autoras e autores que nos deixaron obras marabillosas, como é o caso de Luísa Villalta. Queredes saber quen era ela?

Pero antes tedes que contestar a estas PREGUNTAS:

Que día se celebra mañá, 17 de maio?

O Día das Letras Galegas

Por que se celebra o Día das Letras Galegas?

Celébrase para recoñecer e honrar a figura dun escritor ou escritora galega que tivo un grande impacto na literatura e na cultura galega.

Sabedes cantas edicións se levan celebrando do Día das Letras Galegas?

61

E cantas mulleres credes que protagonizaron o Día das Letras Galegas?

SEIS: Xela Arias (2021), María Victoria Moreno (2018), María Mariño (2007), Francisca Herrera Garrido (1987) e Rosalía de Castro (1963)

Seguro que nestes días nos vosos centros estades coñecendo a vida e obra de Luísa Villalta. Luísa é como unha fada dos libros. Coa súa vara máxica escribiu moitos contos e poemas que fan soar a nosa lingua en todo o mundo. Naceu na cidade da Coruña e, desde moi pequena, soñaba con escribir historias. E tamén era moi valente, pois cando moitas persoas tiñan medo de falar na nosa lingua, ela loitou para que non se perdesen as nosas palabras. Grazas ao seu traballo, á paixón pola nosa lingua da xente coma ela, hoxe podemos seguir lendo e escribindo en galego.

Na páxina Primavera das letras podedes coñecer todo sobre a nosa autora a través da súa biografía debuxada, dos xogos interactivos sobre a súa obra e a súa cidade ou escoitando e bailando os seus poemas musicados. Quen dixo que aprender non era divertido? Pero antes, imos cunhas preguntas para que todas poidamos aprender as unhas das outras.

PREGUNTAS:

  • Que autores ou autoras coñecedes que escriban en galego?
  • Cal e o voso libro favorito en galego?

Coma onte falamos das redes sociais hoxe vos presentamos a influenciadores do mundo literario para o público infantil e xuvenil: @delibrosalibres, @libroscontos, @mazadahorta ou @surfeandolibro.

E, para rematar, unha curiosidade: o alumnado do IES de Cacheiras, no concello de Teo, bautizou a biblioteca do centro como biblioteca Luísa Villalta durante o curso 2015-2016.

 

Para Educación Infantil:

Hoxe imos a falar sobre algo moi especial: as nosas emocións. As emocións son coma os amigos e amigas que viven dentro do noso corazón e que nos axudan a sentir o mundo do noso redor.

Ás veces sentímonos alegres, por exemplo, cando xogamos cos nosos amigos e amigas ou cando recibimos unha aperta. Nese momento, o noso corazón salta de alegría e o noso sorriso ilumina o noso rostro. Cando vos sentides vós alegres?

Outras veces podemos sentirnos un pouco tristes. Isto está ben, todos temos días que nos apetece chorar un chisco. Cando nos sentimos así, podemos falar cos nosos amigos ou amigas ou coa nosa familia que seguro estarán dispostos a escoitarnos e a axudarnos a sentirnos mellor.

Cando vos sentides tristes? A quen acudides cando estades tristes?

Tamén hai veces que nos enfadamos. Sentir rabia ou enfado é normal, pero é importante non deixar que esa emoción nos controle. Podemos contar ata dez, respirar profundamente e pensar nalgo bonito para calmarnos. Ou podemos aprender a relaxarnos escoitando os seguintes vídeos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega titulados “Arco da vella” e “A goma de borrar”.

E non esquezamos o medo. O medo fai que esteamos alerta para protexernos de perigos, pero tamén pode facernos sentir inseguros. Cando temos medo, podemos buscar unha aperta ou imaxinarnos no papel dun superheroes e superheroínas cantando a canción “Medo” de Kokiti Música.

Para seguir aprendendo podemos ver o seguirte vídeo onde Esther mais Digochiño falan da intelixencia emocional.

No programa Apego atopamos un xogo de parellas que podemos imprimir coas emocións en galego.

Lembrade que é bo compartir as vosas emocións con quen vos quere e vos coida.

Para rematar:

Noraboa a todos o alumnado, profesorado, educadoras e familias de Ames. Ata aquí chegou a primeira semana! Que curtiña foi, non si? Así e todo, parece que vos deu tempo a traballar moitísimo e xa se empezan a ver os resultados das primeiras actividades. Desde Ventín comparten connosco “Amodiño”, un novo himno para o Modo galego, actívao! Tamén nos envían unha morea de refráns que recolleron das súas avoas e avós. Con este tempo que vai, algúns parecéronnos especialmente acaídos, coma este: “cando hai guedellos de la, se non chove hoxe, chove mañá!”. Pero non vos preocupedes que, xa sabedes, “nunca choveu que non escampara!”.

Por certo, non esquezades que durante esta ponte o Modo galego continúa activado! E que despois desta semana queremos coñecer as vosas opinións sobre todas as cousas que hai en galego.