O lema de hoxe é “exercitemos o galego”. Sabendo que o galego serve para comunicármonos en todos os eidos da vida, como non vai ser así tamén no deporte. Hoxe imos coñecer deportistas de éxito que están a levar o galego ata máis lonxe!
Comezamos cun saúdo de Antía Veiga, unha veciña de Ames que xoga no Dépor e na selección española!
Nesta reportaxe poderedes coñecer mellor a súa incrible historia de superación.
Tamén nos manda un saúdo o amesán Diego Rojo, único español que completou o Spartathlon, unha ultramaratón na que correu case 250 km!
Premede nesta ligazón para ver a noticia do seu trunfo.
– Coñecedes máis deportistas do voso concello?
– Cales dos que nomeamos a continuación coñecedes?
- Nadia Iglesias, patinadora amesá que foi campioa de Europa na modalidade de patinaxe artística no ano 2017.
- Belén Fernández Millán, xogadora de fútbol sala do FC Meigas que foi internacional en fútbol 11 coa selección española.
- Nuria Rábano, futbolista profesional que xoga como lateral esquerdo no VfL Wolfsburgo da Bundesliga e na Champions League.
- Blanca Millán, xogadora de baloncesto do Ensino Lugo Club de Baloncesto da Liga Feminina de Baloncesto, máxima categoría do baloncesto feminino español.
- Tariku Novales, atleta que fixo historia ao bater o récord de España de Maratón.
- Guillermo Carracedo, campión de España e campión e campión Galego no 2023 na modalidade de surf de pala (ou paddle surf!).
- Borja Golán, amesán que foi subcampión de Europa de squash.
- Tiago e Xián Blanco, karatekas de Ames que triunfaron no campionato de España no pasado mes de abril. Tiago Blanco na modalidade de Kata e Xián Blanco en Kumite foron seleccionados para representar a comunidade galega.
- E por último, Iván Gutiérrez, bronce nacional en ximnasia rítmica. Aquí tedes unha entrevista na que nos conta a súa experiencia competindo.
Outras curiosidades, sabiades que a primeira árbitra de hóckey en España ou a primeira futbolista profesional eran mulleres galegas?
- Irene González foi a primeira xogadora de fútbol e a primeira porteira, xogou nun equipo de homes e montou o seu propio equipo, o Irene Fútbol Club.
- O caso do hóckey é moi particular porque son as mulleres as que empezan a practicalo en Galicia. María Antonia Sanjurjo Aranaz, xa en 1932, creou en Vigo o Atlántida Hockey Club, un equipo no que participaban distintas xogadoras da cidade olívica e arredores.
Aquí tedes máis exemplos de deportistas máis actuais que nos mostran que nos os galegos e galegas non temos límites ligazón.
E para estar ao día do deporte feminino galego acudide a As Nosas.
Así e todo, parece que ás veces aínda quedan eidos nos que nos custa un pouco pensar e expresarnos en galego, porque estamos pouco familiarizados co seu vocabulario. No deporte o que narramos son trunfos, vitorias, substitucións, cartóns vermellos, saques desde o curruncho, pinchacarneiros, recortes, rexeites, cambadelas, canastras, triplas, temos dianteiras, peches, e gardameta, falamos de partidos adiados, de balóns que escorregan entre moitos outros termos deportivos.
Coñecedes o significado de todas esas palabras e expresións? Se non, quizais precisades aprender máis terminoloxía específica do deporte para as retransmisións de partidos que estades a facer (ou do mundial de bólas, coma Ibai).
Por último, se o voso é o fútbol nesta ligazón tedes todo o que precisades saber sobre o fútbol en galego.
PARA EDUCACIÓN INFANTIL
Hoxe ides a falar sobre o voso fermoso concello a través das seguintes preguntas:
- Hai parques onde xogades? Cales son os vosos lugares favoritos para xogar e explorar? Como vos gustaría que foxe o voso parque?
- Hai algún río preto da vosa casa? Sabedes o nome?
- Hai igrexa ou capela onde vivides? Como se chama? Visitastes algunha vez unha igrexa ou capela? Como era por dentro?
- Gústavos ir as festas? Hai festas ou celebracións onde vivides? Cal é a vosa favorita? Que cousas divertidas facedes nas festas? Gústavos a música e os bailes das celebracións?
- Cales son os vosos lugares favoritos para pasear? Gústavos pasear pola natureza? Hai xardíns ou carballeiras onde vivides? Facedes actividades coas vosas familias ou amigos na natureza?
- Sabedes que é un pazo? Algunha vez visitastes algún? Como imaxinades que era a vida neses lugares hai moitos anos? Gustaríavos vivir nun pazo?
E hoxe para rematar tedes un conto que vos mandan desde a biblioteca do Milladoiro, un lugar seguro que moi coñecido por todos e todas vós e onde teñen activado o modo galego a tope.
Durante esta semana aprendestes moito sobre os animais e as árbores do voso concello así que podedes compartir os vosos coñecementos coas vosas familias visitando a Carballeira de Paramuíño onde se recrea a fauna e flora que existe nunha carballeira.